domingo, 29 de noviembre de 2009

Presumindo

Hoxe quero presumir.
Sendo galega teño moitas cousas polas que facelo, pero esta vez quero presumir do nivel que temos en Galicia nunha disciplina que me engaiola e que consigue facerme esquecer todas as penas: o baile de salón.



Estes rapaces que vedes nas fotos, e que suman mestría, beleza e simpatía, chámanse Manuel Trillo e Gabriela Paredes (arousán el, compostelá ela) e acaban de gañar a medalla de prata no Campeonato de España de Bailes de Salón en Roses (Girona).




Dáse a casualidade que Manuel é o noso profesor de baile. Para darnos clase vén cada noite de mércores desde a Illa de Arousa á Fonsagrada e volve para alá. Todo un sacrificio, e tamén unha aventura, coñecendo as nosas estradas, pero el di que "polo baile vou á fin do mundo se fai falta... "





Manuel é igual de excelente como profesor que como bailarín, así que, dentro de pouco, non haberá baile que se nos resista aos afeccionados fonsagradinos ;-)


Coa actitude optimista que teñen, coa súa profesionalidade, a capacidade de traballo e sacrificio, e sobre todo, a ilusión que lle poñen ao baile, estou segura que chegarán a ser os mellores do mundo.

Fotos cedidas por Manuel Trillo

Tradución en comentarios

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Xeometría

Foto: Pontes de Fazouro - Cuspe


Somos dous silenzos que camiñan
un á beira do outro,
sen mirarse,
dúas liñas superpostas
que, na volta do tempo,
se escindiron.
Paralelas
sen ningunha intención
de volver a ser, sequera,
nin tanxentes,
nin secantes.
Tradución en comentarios

domingo, 8 de noviembre de 2009

INTERIOR



Ao lonxe soa a vida.

vese polas fiestras da casa:

árbores quedas, a parra, o ceo azul,

un galo que canta.



Pero no interior é todo soidade,

todo silencio.

Unha paz de chumbo

que nos prende coma un soño.



Esa anguria indefinida

que percorre os espazos

coma as moscas

á caída da tarde.



Daquela volvo a buscarte,

naufraga neste mar

para sobrevivir

nas túas verbas salvavidas.

Foto: A fiestra coqueta (Puebla de Sanabria)- Cuspe

Tradución en comentarios.