jueves, 28 de febrero de 2008

Amigos

Canto máis vella me fago, máis importantes se me fan os meus amigos.

Compañía




SE ESTIVERAS...


Se estiveras en outono…
e non te apedrara
a cara moura da melancolía
terías compañía…

Se estiveras en outono,
cando amolece a alma
e non tiveras medo á soidade
terías compañía…

Se estiveras en outono
lonxe do sol e da luz
e non esvaecera a túa beleza
terías compañía …

martes, 26 de febrero de 2008

Debate

E como non ?... Hoxe tiña que falar do debate!

Non me gustan moito estas lerias, teño que recoñecelo, ponme nerviosa ver como se acusan mutuamente, como se buscan cousas mal feitas polo outro, anque sexa "aloxacando", como se lle da volta a todo para que cadre ao favor dun, e como un fala de churras e outro de merinas, ( neste caso un de macroeconomía e outro do prezo do polo :-))

En fin, para non entrar en debates, eu vin un ZP todo ollos e cellas, que parecía un pouco amedrentado nos primeiros asaltos, pero que despois pareceu que medraba en seguridade (sobre todo despois que Rajoi meteu a zoca dicindo que " agredía" ás víctimas do terrorismo) e a un Rajoi que arremetía coma un mihura, turrando seguido sen descanso, pero que non soubo despegarse da sombra do seu antecesor e utilizou as mesmas armas (calcadiñas) de sacar " as súas cifras", o seu "mire usted" e xa sabedes...¡que vos vou contar!.

Para min non andiveron moi lonxe do empate técnico, así que o debate non me serviría para elexir ( en caso de que tivese algunha dúbida ;-) )

Mestres vía o debate, para non aburrirme, fixen un test en internet que se supoñía que me diría o candidato que se achegaba máis ás miñas ideas e resulta que non é ningún dos dous...
¡Magoa! Pero segundo o test eu debería votarlle... a Gaspar Llamazares!

¡Xa dicía eu !....

Por certo, non sei se fiarme deste test porque creo que só recoñecía tres candidatos, pero polo menos quedoume claro que non preciso ver a segunda parte para ir votar.

Non preciso... pero igual non resisto a tentación...

domingo, 24 de febrero de 2008

Alma tan linda

Quero ser eu
Eu núa,
Eu verdadeira.
Sen adobíos de agarimos nin feridas
Sen mentiras, nin cousas agochadas.

Ser eu, por fin,
eu mesma.
Libre.
Atoparme no infindo desta dor
para, coma o aromo de Atahualpa,
que medra na rocha,
ter a alma tan linda,
que, non tendo alegrias,
poida, ao fin,
facerme flores desta pena.

A palabra

Os galegos tivemos, ata fai só uns anos, uns valores moi fortes, (que se van diluíndo nesta aldea global e non están sendo sustituídos por outros mellores) entre os que a honra como persoa era quizás o máis importante.
Os novos tempos están a piques de cambiar estes principios por nada, ou o que é peor : por "todo vale mentras me favoreza a min"
Un home, que se prezara de tal, tiña ata agora unha "palabra" que por nada do mundo deixaría lixar, unha palabra que non necesitaba de firmas nin papeis para selar compromisos e contratos.
Cando un home daba "a súa palabra" non habería cousa que lle fixera faltar a ela ou botar atrás e ata, despois de morto, os herdeiros pagarían as débedas da súa "palabra" e satisfarían todos aqueles compromisos que el tivera contraído deste xeito.
Non había sinatura máis firme, nin papel máis sólido...
Ningunha vergoña era comparable a ser "un home sen palabra ", un home sen honra.
E digo sempre home porque eran tempos en que as mulleres socialmente tiñan moi escaso poder de decisión, polo menos no mundo rural e de porta para fóra, anque logo a familia xirase en torno ás nais.
Aínda hai xente de palabra en Galicia, pero cada vez menos. A cultura do tanto tes, tanto vales, arruinou o tecido moral de que dispuñamos e agora xa sempre hai que ter unha sinatura para calquera cousa porque non sabe un con quén gasta a confianza.
Non poucas veces estes homes de palabra pecaron de incautos pensando que todos eran coma eles.
Pero hoxe estes homes son unha especie, se non desparecida, en extremo perigo de extinción. Deberían ser especie protexida, pero creo que non existe es categoría para os seres humanos...

viernes, 22 de febrero de 2008

Violencia na universidade

Leo, escoito e vexo, cada día con maior preocupación, as novas sobre os intentos de agresión a tres mulleres da política en distintas universidades do pais.

Anque confeso que ningunha das tres que tiveron que sufrir estes intentos é santo da miña devoción, sinto vergoña allea de que, nos "santuarios" onde se move a élite cultural desta terra, se produzan episodios desta natureza, porque considero que o nivel cultural que se debe supoñer a un universitario (anque sexa de primeiro curso de carreira) debería traer do brazo, ineludiblemente, o respeto polas ideas alleas, sexan ou non compartidas, e un mínimo grao de tolerancia.

Tamén a capacidade de utilizar a palabra para rebater aquelas ideas coas que non comulgue, sen facer uso doutras maneiras máis primitivas de defender aquelo no que cre...

martes, 19 de febrero de 2008

Imaxe

Estaba revisando as miñas fotos cando atopei esta fotografía que saquei o ano pasado.

¡Cantas veces me sinto coma esta árbore soa, aillada e rodeada de beleza e frialdade!

Algúns experimentamos, no pasado ou no presente, o poder da "negra sombra" que nos impediu en períodos máis ou menos longos de tempo, poder apreciar as cousas boas que tiñamos ao noso carón, sentindo esa incapacitante imposibilidade de disfrutar da vida en ningunha circunstancia.

Ver nesta foto unha árbore illada e pensar na frialdade quizás forme parte do sentir da negra sombra que aínda planea riba da nosa cachola, porque tamén se podería ver nesta imaxe unha fermosa mañá de inverno, e imaxinar canto se podería divertir un con esa neve virxe, facendo bonecos, ou simplemente deixándose caer coma un morto riba dela para deixar "un santo" :-)

lunes, 11 de febrero de 2008

Renacer

Por fin vou saíndo desa nebulosa na que estiven mergullada os últimos doce días.
A vida parece pasar por diante coma unha película en branco e negro cando un está mal e só, con moito esforzo, pode erguerse da cama para ir ao baño ou para intentar comer algo.
O peor é o noxo que se asenta dentro do corpo e lixa todo.
Fai anos que non me sentía tan enferma..
Hoxe, aínda feble, metín na lavadora as sabas, a roupa de durmir, aireei ben o cuarto, dinme unha boa ducha, e , coa compaña dos restos de dores que aínda non me abandonaron, decidín que xa está. Xa rematou. Volvo á vida.
RENACER
Máis alá dun soño de outono,
que  deixa unha dor infinda
no espazo baleiro do meu peito,
acho unha pequena morte,
e resucito  feble, feble...
Son coma o gromiño verde
que nace da gouña podrecida
no medio da xeada...
Sempre na liña
entre o perigo de morte,
e o perigo da vida
que me empuxa a saír ao sol.

viernes, 1 de febrero de 2008

Entroido

Pola mañá pasei por Lugo de camiño ao traballo. A primeira persoa que puiden ver, alá pola Avenida das Fontiñas, foi unha rapaciña vestida de branco cun óso atravesado enriba da cachola, tamén moi branco, a modo de tocado.
Quedei coa súa imaxe na cachola e pensei que o Entroido se está facendo paseniño dono dos días e das noites...

Un chisquiño máis tarde unha mestra vestida de india Pocahontas provocaba as gargalladas de dous trasnos de doce ou trece anos nas escaleiras dun colexio, mentres unha neniña loira vestida de paiaso amosaba un sorriso tenro cando recibía os piropos da xente que pasaba.

Na miña casa tamén quedaba preparado un disfraz.