jueves, 30 de octubre de 2014

Novelas a dous reás



Entre os anos 1970 e 1980, sendo eu adolescente, lin todo o que caeu nas miñas mans. Como o orzamento era escaso, tanto eu coma o meu irmán mercábamos pequenas novelas de editoriais como Bruguera ou Toray, que logo cambiábamos por outras semellantes, a 50 céntimos a unidade, nun quiosco da avenida da Coruña e máis tarde no da rúa San Froilán.

 Eu comecei lendo novelas románticas de Corín Tellado, pero pouco despois, cando meu irmán se incorporou ao "clube lector", pasei ás de vaqueiros de Marcial Lafuente Estefanía e Silver Kane, ás de terror (anque sempre fun medosa) e  xa máis mociña, coas policiacas de Silver Kane e as de ciencia ficción de Lou Carrigan e Curtis Garland.



 Aquela época pasou e seguín con outro tipo de libros, pero creo que lles debo a estas novelas, unha parte da miña afición pola lectura.

 Este verán lin "Los años del miedo" de Juan Eslava Galán, un libro de historia sobre a postguerra que vos recomendo, no que atopei unha referencia a estas noveliñas e descubrín que moitos nomes de autores, que eu imaxinaba extranxeiros, eran pseudónimos de autores españois, que unha boa porcentaxe deles foron republicanos. Tamén que algúns, coma Marcial Lafuente Estefanía, descubriu a súa vena literaria no cárcere, onde escribía en calquera papel que lle caese nas mans.


 Así, Silver Kane é, en realidade, Francisco González Ledesma, un barcelonés do barrio obreiro de Poble Sec, que, con 21 anos, gañou o Premio Internacional de Novela, instituido polo editor Josep Janés coa su novela "Sombras viejas", que logo foi prohibida pola censura.
 Peter Kapra era Pedro Guirao Hernández, un murciano anarquista, que pertenceu ao maquis e comezou a escribir no cárcere  Modelo de Madrid.
 Clark Carrados era Luis García Lecha, funcionario de prisións,  e Dick Dickinson, foi o fiscal Antonio Viader.
 Lou Carrigan é Antonio Vera Ramírez, un barcelonés que deixou a banca para escribir novelas, que en algúns casos chegaron ata o cine.
Curtis Garland agocha a Juan Gallardo Muñoz que comezou escribindo colaboraciones periodísticas —críticas e entrevistas cinematográficas—, na década dos corenta, no diario Imperio, de Zamora, e nas revistas barcelonesas Junior Films e Cinema.
 Outros pseudónimos agochaban a máis dun autor, como Lucky Marty, baixo cuxo nome escribiron Enrique Martínez Fariñas (que chegou a ter a súa propia editorial) e Jesús Rodríguez Lázaro (outro republicano que estivo varios anos na Modelo).


domingo, 26 de octubre de 2014

Tempo

Cantos meses de ausencia !

Din que cos anos a percepción do tempo cambia e debe ser verdade porque non sei por onde se me escurriron tantas semanas, tantos días, tantas horas...

Non sei cando pasou o inverno, e a primavera e o verán, pero de súpeto entro aquí e  volve a ser outono, un ano máis, (un ano menos)...

Non é que haxa moito que contar, agás que a filla máis nova xa deixou o niño para ir á universidade ou que os pais envelleceron anos de golpe e agora precisan todos os coidados. Nesas dúas cousas creo que invertín a maior parte das miñas forzas nestes últimos meses. Foi un ano duro, con moitos sobresaltos e traballo, traballo, traballo...

Neste momento semella que podo tomar un pouco de aire e boto de menos saber dos amigos, por iso estou aquí outra vez.