Mostrando entradas con la etiqueta nos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta nos. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de septiembre de 2012

Xuntos

Os autores desta bitácora coñecémonos a través de internet vai para dez anos.  Desde aquela foise forxando entre nos e as nosas respectivas familias unha forte relación fraternal, compartindo a vida á distancia, mais cunha presenza permanente, diaria.
Nestes anos só en dúas ocasións puidemos compartir  uns poucos días xuntos, grazas as vacacións. A primeira vez vímonos no inverno de Bos Aires, entre xullo e agosto do 2008, esta vez no verán de Galicia (xullo de 2012).
De Cuspe de pita
Aquí nos tedes paseando pola praza Maior de Lugo o día que Antón obtivo o seu primeiro DNI español :-)) A foto, esta vez, é obra do pai de Antón :-))





martes, 31 de enero de 2012

Cuarto aniversario




Hoxe Cuspe de Pita cumpre o seu cuarto ano.


Primeiro comezou Cuspedepita dende A Fonsagrada e despois cheguei eu (Antón de Muros) dende Bos Aires.

Naqueles tempos (2008) todos eramos máis novos (non tanto como a cadeliña do meu pai que amosa a foto) ;-)


Neste último tempo o noso blog non estivo moi activo, mais sentimonos preto de moitos blogueiros.

A todos eles (vós): grazas polas visitas e os comentarios.

Apertas.

miércoles, 30 de septiembre de 2009

CORENTA E NOVE



Remataba o mes de setembro, cando as abrairas e as nogueiras soltan os seus froitos e aparecen nas hortas e nos montes os primeiros cogomelos.

Esa noite caera unha boa tormenta que fixera arroiar os camiños, e o do Regueiro apareceu á mañá cuberto de follas, baixo as que se agochaban centos de noces e abelás.

Dositeo foi apañalas ben cedo. Vilaframil estaba daquela moi poboada, eran moitos en cada casa e non quedaba nada podrecendo nas beiras dos camiños, como agora. Se non madrugaba, non atopaba que recoller.

Mentres apañaba, atopou a un veciño e contoulle o motivo de que estivera esperto case toda a noite: “ Xa temos outra Marisiña “.
Ese amencer nacera a que había ser a súa afillada “da casa”, unha nena que herdaba o nome dunha das irmás de Dositeo.

Concepción de Loureiro, a veciña que atendía os partos na aldea, fixera un bo traballo aquela noite e tanto Inés (a nai) coma a neniña, estaban moi ben.

Hoxe fai 49 anos daquel día.
Dositeo morreu en outubro, vai para 13 anos.
Esa nena recén nacida era eu.


Traducción en Comentarios

viernes, 30 de enero de 2009

Primeiro aniversario


(Cuspe de Pita somos dúas persoas distintas que medran xuntas, coma estas dúas plantiñas que fotografou Antón )


Hoxe Cuspe de Pita cumpre o seu primeiro ano.
O 31 de xaneiro de 2008 publiquei aquela primeira e tímida entradiña na que, sen embargo, resumía moi ben a filosofía deste blog, que pretendía, e pretende, ser un reflexo da nosa vida, ese caixón de xastre onde imos gardando, estes dous amigos-irmáns, Antón, desde Bos Aires, e eu, Marisa (Cuspedepita), desde Galicia, as cousas que nos van pasando, que nos gustan, que nos apaixonan, que nos enternecen, que nos preocupan, que nos admiran, que nos doen, que nos fan rir, que nos dan carraxe, ou nos fan sentir fachendosos ou emocionados.
Detrás quedan 365 días moi especiais, nos que pouco a pouco fomos aprendendo como se fan tantas cousas... Porque ningún de nós sabe moito de informática, e fomos aprendendo "por descubrimento", a base de "ensaio erro", é dicir, de meter a zoca moitas veces para saber o que non hai que facer para a próxima...
Deses 365 días gustaríame destacar catro eventos: O día en que Antón se decidiu, por fin, a escribir a súa primeira entrada, anque sempre colaborou coas súas fotos, poemas e consellos, as miñas vacacións en Arxentina que deron pé a unha chea de entradas, esta Xuntanza de Blogueiros de Agolada na que vos coñecín a moitos dos amigos que agora temos neste mundo blogueiro e que foi unha experiecia que eu non esquecerei, e por último, este Manifesto pola Solidariedade que conseguiu xuntarnos a todos por unha nobre causa.

Quero tamén lembrar que os dous primeiros comentarios, dos moitos que deixastes en Cuspe de Pita, viñeron de dúas persoas ás que quero e admiro: Débora de "Fíos Invisibles" e Zeltia de "Sin pena ni gloria", dúas amigas que nos acompañaron ao longo deste ano e coas que agardo seguir contando sempre :-)

Un agarimo tamén para o noso amigo Chousa, que foi quen me embarcou a min neste transatlántico no que eu, despois, enrolei a Antón :-)
Sentimos que el é, dalgunha maneira, o noso "padriño" :-))

Debémoslle a este ano de Cuspe de Pita moitos sorrisos, unhas cantas gargalladas, algunhas lagrimiñas de emoción, moitos ¡ooooooohhhh! de admiración polo que lemos ou polas fotos que nos gustaron dos vosos blogs, e, sobre todo, moita ledicia polos moitos e bos amigos que atopamos.

Unha aperta a todos e moitas grazas por visitarnos, aos que escribides comentarios e aos que só ledes, que eu sei que hai tamén algúns ;-)

(Hay una traducción en comentarios)