Mostrando entradas con la etiqueta Relatos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Relatos. Mostrar todas las entradas

miércoles, 11 de febrero de 2009

Desvelo



Espertei á madrugada cando os teus beizos murmuraban palabras inintelixibles.

Abrín os ollos e atopeiche durmida coas pernas fóra das sabas; a dereita flexionada por riba da cintura e a outra estendida. Coa túa man esquerda cubríaste a fronte da claridade inexistente e puiden ver un feble reflexo de luz no teu reloxo de pulso.

Na quietude da noite escoitei máis alá do corredor a rítmica respiración dos nosos fillos.

Fóra, intuín un ceo limpo onde a lúa reinaba en silencio.
Non tiven azos para comprobalo, fiquei durmido.

Antón.
(Traducción en comentarios)

domingo, 9 de noviembre de 2008

NONA




Fai moitos anos, eu coidaba polas tardes a unha velliña arxentina á que chamabamos todos a "Nona". Ela, que estaba de visita na casa da súa filla, casada cun lucense, tiña a cadeira rota e non se movía por si mesma, así que, polas tardes, pasabamos o tempo conversando, xogando á brisca ou mirando pola ventá do salón. Dende alí contemplaba entusiasmada as bandadas de estorniños que facían filigranas no ceo de Lugo.
Cada pouco, se eu ía á cociña a prepararlle a merenda ou marchaba acondicionar o seu cuarto, chamábame a berros:
- " Selia, Selia, vení acá ! Mirá los pájaros !”
Eu, como sabedes, non me chamo Celia, pero por máis que insistín, nunca conseguín que aprendera o meu nome, así que rematei por ser Celia "a conciencia".
E ía alá e miraba con ela as inmensas bandadas de estorniños que facían filigranas no ceo de Lugo, á tardiña, contra o horizonte vermello.
Supoño que os estorniños eran unha metáfora dos seus propios desexos de estar ceibe daquela cadeira de rodas e poder voar...
O que si conseguín, en tres meses de pacientes exercicios diarios, foi que volvera a erguerse da cadeira e puidera camiñar con axuda dun bastón desde o cuarto á sala.
Os derradeiros días que estiven con ela contoume, cun sorriso ilusionado, que soñou que ía no avión cara a Arxentina e que camiñaba “ligerita, ligerita” polos corredores do avión.
Nona volveu a Arxentina para o Nadal e morreu moi pouquiños meses despois, pero hoxe, máis dun cuarto de século despois, eu sigo sendo Celia e acordándome dela cada outono, cando os estorniños voan por riba da miña cabeza.
Pero non todo é señerdade cando penso nela, sempre lembro anécdotas que me fan sorrir, a imaxe dela sentada na cama facendo o seu moño, ou pintando os beizos de vermello, perfumándose...ou outras divertidas, coma aquela vez que tiñamos que erguela da cama entre o seu neto e máis eu, e como pesaba moito, non puidemos con ela e foi esvarando, esvarando, esvarando, ata que quedou sentada no chan... ¡ Que difícil resultou volvela a erguer mentres os tres chorabamos coa risa !

Foto: A tardiña sobre Lugo. Ao fondo as torres da Catedral. (Cuspedepita)

lunes, 3 de marzo de 2008

O Lé



O Lé chamábase en realidade Manuel, pero ninguén lle chamaba así senón que tivera que falar con el cara a cara. Sempre falabamos del como " O Lé".

Era un home baixo, gordiño, de ombreiros anchos e pernas curtas, entrado nunha idade indefinible entre a madurez e a vellez.

Era de Liñares de Vilafurada, pero coido que moito tempo alí non pasaba, porque o seu oficio tíñao decote polos camiños, de aldea en aldea, acompañado sempre dunha besta na que carretaba unha maleta de madeira, ben atada ó lombo do manso animal.

Cando chegaba á miña aldea, tocaba o chifre para que todos souberan que estaba alí, na Pereira ou na casa de Ferreiro, e desataba a carga con moito coidado, colocando a maleta no chan.
Logo, con agarimo e cerimonia, abría aquela tapa de madeira diante dos ollos abraiados da concorrencia (mulleres e nenos) e amosaba unha por unha as tres bandexas que levaba dentro, onde se ordenaban coidadosamente todo tipo de obxectos necesarios nunha casa por aqueles tempos: carretes de fío, agullas, dedais, tesoiras, cintas de raso ou de nailon de varias cores, navallas, peites, cepillos para o pelo e os dentes, espetas, agullas da lá, etc…
Eu daquela non sabía o que era unha mercería, pero, hoxe que o sei, diría que o Lé era unha mercería ambulante.

Ademais era todo un personaxe, un pícaro simpático e burlón. Facíalles moitas bromas ás mulleres que se rían a gargalladas cos enxeñosos e picantes contos que lles contaba, mentres os nenos mirabamos extasiados aquela sucesión de pequenos compartimentos cheos de obxectos de tódalas cores que nos semellaban prezados tesouros.

Pero o Lé non sempre estaba de bo humor, tiña un xenio levado do demo se lle tocabamos nas cousas sen o seu permiso, e, por iso, tiñamos bo coidado de non meter a man na maleta por ningunha circunstancia a menos que nos mandara el.

Os días de festa, como o de San Bieito, San Pedro, as Neves ou San Cibrán, o Lé cambiaba de maleta e chegaba ó campo da festa coa súa besta cargada de xoguetes que expoñía nun tenderete de madeira, ben á vista de todos.

Alí tiña unha chea de argalladas de plástico (tamén coidadosamente ordenadas) como minúsculos porróns (uns igualiños ós de cristal que poñiamos na mesa o día da mallega e outros coma os de barro que levabamos con auga para o monte no tempo da sega) e muíños de café recheos de anises. Tamén había bolsas de caramelos, paquetes pequenos de galletas Fontaneda, chifres, trompetas e guitarras, bonecas e camións , muíños de papel …

Era o lugar máis visitado da festa porque todos os nenos e nenas arreabamos ós nosos pais da man para que nos mercasen “algo”.
Iso sen contar con que daquela era costume, cando se atopaba a un parente ou amigo cos seus fillos, botar man ó peto e darlles unha moeda (dun peso ou, con moita sorte, de cinco) a cada un.

Pero case ningunha moeda chegaba á casa á noite, todas ían cara Liñares nas alforxas da besta do Lé.