Mostrando entradas con la etiqueta Remoendo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Remoendo. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de septiembre de 2012

Facer limpeza e sacar o lixo





Anque o mundo se desmorone un pouco ao meu arredor, aplaudo rabiosamente a esta xuiza que, desde Lugo, está empeñada en facer limpeza das  institucións e empresas galegas e  sacar o lixo para que o cheiro a podre deixe paso ao ar limpo do outono.

Foto: Cuspe

sábado, 18 de agosto de 2012

Aire



Entre el alba y la noche hay un abismo
de agonías, de luces, de cuidados;
el rostro que se mira en los gastados

espejos de la noche no es el mismo.
El hoy fugaz es tenue y es eterno;
otro Cielo no esperes, ni otro Infierno.

J.L.Borges






  O aire entra pola fiestra aberta de enfronte, por enriba do sofá de pel verde, percorre o espazo do cuarto, pasa entre as tulipas brancas da lámpada, baixa e agarima a miña fronte, despeiteame e sae pola fiestra da dereita, xunto á mesa e o aparador da louza.

   O ar limpa a casa de malos pensamentos, move, lixeiro, as cortinas brancas con bordados de flores e remate de puntilla, e nas súas correntes planean un par de moscas que nunca se pousan en ningures, suspendidas para sempre alí, no medio do cuarto, mexidas pola brisa do verán á que acompañan trinos de paxaros nas ponlas dos castiñeiros de enfronte, cos seus penachos amarelos destacando entre o verdor frondoso das súas follas.

   Escribo mentres miro pola fiestra. A casa está en silencio. O seu único habitante neste momento, aparte de min, o meu fillo, dorme aínda.

   E eu, que me erguín moi cedo, almorcei, lin unhas cantas follas dun libro, puxen a lavadora, aireei o meu cuarto e fixen a cama, vin escorecer de nubes aquel ceo no que tanto madrugou hoxe o sol, agora agardo a que sexa hora de saír a ese mundo de fóra que, algunhas veces, tanto medo me da.

jueves, 29 de septiembre de 2011

Outono


O outono non é a miña estación preferida, anque recoñezo que é, quizás, a máis fermosa.
Hai varias razóns polas que lle temo ao outono máis do que o amo. A máis importante creo que é que o meu ánimo sofre a disminución das horas de luz, os ceos cubertos de nubes e os primeiros fríos.
Mentres iso chega disfruto do sabor e do olor das mazás, á sombra da parra, mentres cae o sol polo horizonte dun día caluroso a finais de setembro, na véspera dos meus 51.

jueves, 15 de septiembre de 2011

Comeza o curso







Rematou a "liberdade condicional" das vacacións e volvemos ao traballo e a ver pasar a vida desde destrás da fiestra.
Sempre tiven esa sensación de estala deixando pasar sen disfrutala como debera, pero desde que cumprín os 40 (que xa fai...) esa sensación é cada día máis vívida. Quizá por iso, agora que a miña filla é unha mociña, decidín que viaxaría o máis posible (é boa compañeira de viaxe) e trataría de ver o máis posible dese mundo que hai máis alá das cortinas dos cuartos da miña casa, ou da persiana da miña bonita aula de infantil.
Pero, anque as viaxes sempre son emocionantes, non estou segura de que me abonde con elas, así que tamén me dei ao baile e outros vicios, como intentar aprender idiomas e este blog, (¡ xa que nin bebo nin fumo!... ;-))
E sigo buscando a maneira de vivir esta única vida da que dispoño da mellor maneira posible, tratando de fuxir das arañeiras ( prexuizos, complexos, xente malpensada e maledicente, vergoñas, medos, etc...)nas que noutros tempos me vin atrapada.
Por sorte teño unha saúde medianamente boa (cos achaques típicos da idade )unha familia que me proporciona amor e estabilidade ( tamén algúns problemas, por suposto) algúns bos amigos e un traballo marabilloso no que sempre hai actividade, creatividade e bo humor, que non me permite decaer(anque algúns días me faga volver á casa agotada )
Para que vos deades unha idea o primiero día que estiven no recreo cos meus nenos deste ano falamos a miña compañeira Alicia e eu da sorte que temos de traballar con nenos, pero sobre todo de que sexan os máis pequenos, porque contaxian vitalidade e onda eles desaparecen todas penas.
De todas maneiras aínda pecho os ollos e podo ver, cun pouquichiño de morriña, as imaxes dos lugares que visitei nestes dous meses porque...¡ Aiiiii...que marabilloso é o verán ! ¿verdade?

Nas fotos Amsterdam e Edam (Holanda), Puerto de Mazarrón e interior da provincia de Murcia, e ría do Masma (entre Barreiros e Foz)

viernes, 5 de agosto de 2011



Baixo este ceo plomizo que nos acompaña cada día e que desminte ao calendario que dí que é verán, soño con casiñas de colores, canles e barcas, mentres percorro a casa a paso miúdo para dar feito todas as tarefas que me agardan cada mañá, a modo de condena e que, como o tecido de Penélope, nunca vexo rematadas.



Na foto o precioso pobo de Marken (Holanda)- xullo de 2011

martes, 7 de septiembre de 2010

Cambios



Comeza setembro e sinto que a miña vida entrou nunha espiral de cambios que me custa un pouco asumir, anque algúns fosen moi agardados:
Este é o primeiro curso, despois de 21 anos, que traballo preto da miña casa, na Fonsagrada, a menos de catro km. do lugar desde o que estou escribindo isto. Agardei moitos anos este cambio, e sei que será positivo para min, pero agora mesmo boto moito de menos as miñas compañeiras e compañeiros do colexio de Rábade...
Dentro de nada, a fin de mes, cambiarei de década porque cumprirei os meus primeiros 50 anos. ¿Terá iso algo de bo? ;-)
A nivel emocional tamén algunhas cousas están cambiando dentro de min, quizá estou máis tranquila e centrada que nos derradeiros anos, pero tamén igual perdín un pouco de enerxía e ilusión e, por último, tamén o meu corpo parece que se sumou a este proceso e anda algo revolucionado pasando páxina.

En fin, que sería unha perfecta mascota dunha campaña electoral que tivese por slogan o cambio, se non fora que non estou de humor para políticas...¿Estarei tamén eu en crise?

Apertas


PD: Pensamos en vos, Javier. Que te recuperes pronto.


A pintada e a foto son miñas, o texto é un haiku de Javier Adúriz, querido amigo e admirado poeta.

sábado, 3 de julio de 2010

RETORNO



Camiñamos pola vida de frente, de frente, de frente...obsesionados en seguir o camiño cara un lugar que ambicionamos, dereitos a un obxectivo onde se supón que atoparemos felicidade.

Pero, ás veces, despois de moito camiñar cos ollos fixos, decatámonos que estabamos errados, que o noso obxectivo comeza a se desdibuxar, de maneira que por un tempo, nos sentimos perdidos, sen rumbo, valeiros.

Daquela pensamos que cómpre volver atrás, camiñar sobre as nosas pegadas e replantexarse todo.

E descubrimos que era doado atopar o que buscábamos se mirásemos un pouquiño máis preto, sen tanta ambición...

Sinto que estou de volta, onde quero estar, serenamente feliz.

O camiño de regreso, anque non exento de bágoas, resultoume doado.

martes, 20 de abril de 2010

Luces e sombras



Ao longo dos anos, dinme conta de que cando ti es sombra eu son luz, e cando eu paso por períodos grises ou mouros ahí estás ti, sempre, alumeando as miñas horas difíciles. Teño a sorte de poder contar contigo e tamén de poder estar cando me precisas. ¿Que máis se pode pedir, amigo ?


Tradución en comentarios

Foto: Cuspedepita

lunes, 1 de marzo de 2010

Cortiza




Cantas veces desexaríamos ter unha cortiza asi, coma desta árbore, para que os acontecementos do exterior chocasen contra ela e non nos afectasen !
Pero por sorte ou por desgraza temos esta fina pel que sinte o frío e o calor, e percibe ata os cambios de humor dos outros e deixa penetrar ao máis fondo dores e preocupacións, amarguras e desesperanzas...

Hoxe foi un de tantos días, con ledicias e penas, ledicia polos amigos chilenos dos que por fin tiven boas noticias (todos a salvo) e penas por outros problemas que afectan a xente á que eu quero, xente que precisaba ter un caparazón duro coma a tartaruga, pero que non o ten.

Nada, un día máis, a vida.

Traducción en comentarios
Foto: Cuspedepita

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Xeometría

Foto: Pontes de Fazouro - Cuspe


Somos dous silenzos que camiñan
un á beira do outro,
sen mirarse,
dúas liñas superpostas
que, na volta do tempo,
se escindiron.
Paralelas
sen ningunha intención
de volver a ser, sequera,
nin tanxentes,
nin secantes.
Tradución en comentarios

miércoles, 21 de octubre de 2009

EL AROMO

(Foto: Antón de Muros)

"Que no teniendo alegrías se hace flores de sus penas"...


Con esta primeira choiva do outono, apetece poñerlle color á tardiña . E como xa extrañamos o sol, nada mellor que esta canción que fala de flores amarelas. Confeso que me chegan á alma os seus versos sinxelos e a voz serena deste grande da música arxentina que foi, é, e será, Atahualpa Yupanqui.

Confeso que, anque non son nada choramicas, teño verquido moitas bagoiñas escoitándoa, e todo por esa frase coa que comezo este texto, que me lembra sempre o que houbo que loitar na vida e cantas veces tiven que apretar os dentes e esquecer as dores do corpo e da alma para seguir e saír adiante.


El aromo

Hay un aromo nacido
en la grieta de una piedra.
Parece que la rompió
pa’ salir de adentro de ella.

Está en un alto pelao
no tiene ni un yuyo cerca
viéndolo solo y florido
tuíto el monte lo envidea.

Lo miran a la distancia
árboles y enredaderas,
diciéndose con rencor
¡pa’ uno solo, cuánta tierra!

En oro le ofrece al sol
pagar la luz que le presta
y como tiene de más,
puñao por el suelo siembra.

Salud, plata y alegría
tuíto al aromo le suebra
asegún ven los demás
desde el lugar que lo observan.

Pero hay que dir y fijarse
cómo lo estruja la piedra,
fijarse que es un martirio
la vida que le envidean.

En ese rajón el árbol
nació por su mala estrella,
y en vez de morirse triste
se hace flores de sus penas.

Como no tiene reparo
todos los vientos le pegan,
las heladas lo castigan,
l’agua pasa y no se queda.

Ansina vive el aromo
sin que ninguno lo sepa
con su poquito de orgullo
porque justo es que lo tenga.

Pero con l’alma tan linda
que no le brota una queja
que no teniendo alegrías
se hace flores de sus penas.
Eso habrían de envidiarle
los otros si lo supieran.

Pero con ‘l alma tan linda
que no le brota una queja,
que no teniendo alegrías
se hace flores de sus penas.

(Romildo Risso - Atahualpa Yupanqui)

lunes, 14 de septiembre de 2009

Medrar



Hai un momento na vida de todos, supoño, en que un sinte que cede o piso baixo as plantas dos seus pés, que aquelas sólidas bases nas que cría sustentada a súa vida se derruban nun terremoto que xorde das entrañas mesmas da terra, que non hai nada ao que se agarrar fronte ao precipicio, nin existen aquelas mans sempre tendidas, coas que, inocente, contaba.

É un momento, supoño, no que un se sinte na soidade máis absoluta, espido, desvalido, exposto a todos os ventos e todas as tormentas.




É un momento, supoño, no que un se decata de que as únicas forzas que realmente ten son as propias, que só con elas pode contar "pase o que pase". Que só os propios dedos o salvarán de caer ao baleiro dos batacazos da vida.

Supoño que é un momento, no que un se instala, por fin, e definitivamente (teña os anos que teña) na idade adulta, e pasa de ser protexido a protexer, de ser defendido a defender, de ser comprendido a comprender.

Traducción en comentarios.

Fotos: Cuspedepita

lunes, 29 de diciembre de 2008

E todo volve...


De súpeto, a Noiteboa encheuseme dun recendo a eucalipto e sal que chegaba da noite dos tempos abríndoseme paso na memoria.
Unha leve dor, reflexo doutras antigas e menos leves, asolagoume a vontade, e o pensamento fíxoseme noite rondando o faro de Hío.
Escoitei contos para nenos en vellas ondas hercianas do Lérez, perdidas no espazo e no tempo, voces que viñan de lonxe, ecos dos tempos en que María quedou Soliña polos camiños de Cangas…
Ao caer da tardiña algunhas pezas agochadas do crebacabezas aboiaron, como pequenas illas de Tambo no medio da ría. E todas encaixaron nun taboleiro que antes gardaba incompleto, mentres me faltaba o alento e volvían á miña cachola, coma un río, as verbas, coitelos de lume, que racharon daquela a paz do meu peito inxenuo.

Coma o muiño do Cabo, volta a volta, precisei da pesada pedra da miña vontade, para esfarelar paseniño o duro grao daquela quimera e facer aparecer só a branca fariña que nace dos bos sentimentos que aniñan no colo dos xustos, dos bos e xenerosos.

E lembrei aquelo que escribiu Bernhard Schlink e que Cobiñas nos fixo acordar :
“¿Por qué o que foi fermoso, cando miramos atrás, se nos volve quebradizo ao saber que agochaba verdades amargas?”
E lembrei que a nosa Zeltia amiga me avisou unha mañá que “nada queda ya: ni adolescencia, ni ilusiones, ni...” nin sequera unha lembranza verdadeira de como foron as cousas.
Pero tamén me dixo que “ya están las mimosas floreciendo a hurtadillas” e a vida mira cara ao futuro e non cara o pasado.
E así, xa que“ veinte años no es nada “ como lin estes días onda a Vermella agarimosa, “ vivir… con el alma aferrada a un dulce recuerdo “ paréceme agora unha … "boludez", pola miña parte, meu irmán … cando tantas cousas, moito máis doces, me ofrece a vida.

Cuspe


A foto é obra de Antón de Muros :-)

(Hay una traducción en comentarios)

sábado, 5 de julio de 2008

Canseira

Hoxe pódeme o cansazo e lembrei que algún día, fai un tempo, sentín algo semellante e escribín este poema:


RENUNCIA


Hei deixar que medren as silveiras
na leira erma da miña vida
porque é inútil seguir traballando
esa terra esgotada que nada dá
máis que traballo.

Polo menos así
dará o froito mouro
das amoras
en setembro.

Hei deixar que a vida fuxa
sen facer nada máis por atallala,
e debullarei amenceres de soidade,
porque non hai compaña
que acariñe a fondura da tristeza.

Polo menos así
dará o froito frío
das xeadas
en xaneiro.

Hei deixar que o vento corra entre os toxos
sen agocharme máis del,
non hai que perder,
onde nada hai.
Nada teño, nada quero xa !

Polo menos así
dará o froito último
do seu zoar rebuldeiro
na mañá de Marzo.

miércoles, 28 de mayo de 2008

Xogos

Tinta vermella correndo polo papel inmaculado.
Moura tecla do non existo, non son , non penso.
Tarzán absurdo colgado das árbores.
A vida a 50 por hora na travesía.
Arlequin de soños laranxa e azul.
Torre de cristal, gaiola.
Boneca abandonada.
Floreiro murcho.
Sono inútil.
Pelota rota.
Vento.
Gris.
Eu.

jueves, 28 de febrero de 2008

Amigos

Canto máis vella me fago, máis importantes se me fan os meus amigos.

martes, 19 de febrero de 2008

Imaxe

Estaba revisando as miñas fotos cando atopei esta fotografía que saquei o ano pasado.

¡Cantas veces me sinto coma esta árbore soa, aillada e rodeada de beleza e frialdade!

Algúns experimentamos, no pasado ou no presente, o poder da "negra sombra" que nos impediu en períodos máis ou menos longos de tempo, poder apreciar as cousas boas que tiñamos ao noso carón, sentindo esa incapacitante imposibilidade de disfrutar da vida en ningunha circunstancia.

Ver nesta foto unha árbore illada e pensar na frialdade quizás forme parte do sentir da negra sombra que aínda planea riba da nosa cachola, porque tamén se podería ver nesta imaxe unha fermosa mañá de inverno, e imaxinar canto se podería divertir un con esa neve virxe, facendo bonecos, ou simplemente deixándose caer coma un morto riba dela para deixar "un santo" :-)