Mostrando entradas con la etiqueta agarimos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta agarimos. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de septiembre de 2012

Xuntos

Os autores desta bitácora coñecémonos a través de internet vai para dez anos.  Desde aquela foise forxando entre nos e as nosas respectivas familias unha forte relación fraternal, compartindo a vida á distancia, mais cunha presenza permanente, diaria.
Nestes anos só en dúas ocasións puidemos compartir  uns poucos días xuntos, grazas as vacacións. A primeira vez vímonos no inverno de Bos Aires, entre xullo e agosto do 2008, esta vez no verán de Galicia (xullo de 2012).
De Cuspe de pita
Aquí nos tedes paseando pola praza Maior de Lugo o día que Antón obtivo o seu primeiro DNI español :-)) A foto, esta vez, é obra do pai de Antón :-))





sábado, 3 de julio de 2010

RETORNO



Camiñamos pola vida de frente, de frente, de frente...obsesionados en seguir o camiño cara un lugar que ambicionamos, dereitos a un obxectivo onde se supón que atoparemos felicidade.

Pero, ás veces, despois de moito camiñar cos ollos fixos, decatámonos que estabamos errados, que o noso obxectivo comeza a se desdibuxar, de maneira que por un tempo, nos sentimos perdidos, sen rumbo, valeiros.

Daquela pensamos que cómpre volver atrás, camiñar sobre as nosas pegadas e replantexarse todo.

E descubrimos que era doado atopar o que buscábamos se mirásemos un pouquiño máis preto, sen tanta ambición...

Sinto que estou de volta, onde quero estar, serenamente feliz.

O camiño de regreso, anque non exento de bágoas, resultoume doado.

martes, 20 de abril de 2010

Luces e sombras



Ao longo dos anos, dinme conta de que cando ti es sombra eu son luz, e cando eu paso por períodos grises ou mouros ahí estás ti, sempre, alumeando as miñas horas difíciles. Teño a sorte de poder contar contigo e tamén de poder estar cando me precisas. ¿Que máis se pode pedir, amigo ?


Tradución en comentarios

Foto: Cuspedepita

miércoles, 30 de septiembre de 2009

CORENTA E NOVE



Remataba o mes de setembro, cando as abrairas e as nogueiras soltan os seus froitos e aparecen nas hortas e nos montes os primeiros cogomelos.

Esa noite caera unha boa tormenta que fixera arroiar os camiños, e o do Regueiro apareceu á mañá cuberto de follas, baixo as que se agochaban centos de noces e abelás.

Dositeo foi apañalas ben cedo. Vilaframil estaba daquela moi poboada, eran moitos en cada casa e non quedaba nada podrecendo nas beiras dos camiños, como agora. Se non madrugaba, non atopaba que recoller.

Mentres apañaba, atopou a un veciño e contoulle o motivo de que estivera esperto case toda a noite: “ Xa temos outra Marisiña “.
Ese amencer nacera a que había ser a súa afillada “da casa”, unha nena que herdaba o nome dunha das irmás de Dositeo.

Concepción de Loureiro, a veciña que atendía os partos na aldea, fixera un bo traballo aquela noite e tanto Inés (a nai) coma a neniña, estaban moi ben.

Hoxe fai 49 anos daquel día.
Dositeo morreu en outubro, vai para 13 anos.
Esa nena recén nacida era eu.


Traducción en Comentarios

lunes, 24 de noviembre de 2008

30 ANIVERSARIO

Corría o ano 1978, o mes de novembro xa a piques de rematarse.
O ano da Constitución.

Eran os tempos do destape en España, de estrenos como "Enmanuelle" ou "El último tango en París "que, ata daquela, os españois cruzaban fronteiras para ver en Biarritz.

Aquel ano o canario José Vélez levou o seu "Bailemos un vals" a Eurovisión coa mesma pouca fortuna que os que se mandan agora, anque el era un artista consagrado.

Víamos na tele ( de só dúas canles) "Cañas y Barro", "Yo, Claudio", e "Vacaciones en el Mar", e bailabamos nas discotecas ao son que marcaban Travolta e Newton-John con "Grease", os Bee-Gees eran grupo estrela do momento, e tamén soaba aquel "Cara de gitana" de Daniel Magal, que anos despois cantarían grupos tan dispares como Nocheros e Los Tigres del Norte.

Cruiff deixaba o Barça despois de levalo ao olimpo dos deuses, e realizábase a primeira fecundación "in vitro".

Un ano difícil de esquecer.

Había en Lugo daquela dúas discotecas, ambas desaparecidas hoxe. Unha era "Grilo", un local ao pé da Residencia que ardeu xa fai anos.
Na Grilo tiñamos ao noso Travolta particular, un rapaz ao que lle perdín fai moitos anos a pista, guapo, rubio, e con melena ao estilo Bee Gees.

Os domingos ía coas miñas amigas bailar alí. Alí atopábamos a outros amigos e amigas cos que pasabamos a tarde.

Ó 26 de novembro non estaba a miña curmá, que me acompañaba sempre, e, á saída, un rapaz da Fonsagrada, que me gustaba moito desde facía tempo, acompañoume ata preto da miña casa, anque eran outros tempos e unha rapaza podía andar soa de noite sen perigo.

Cando paramos no cruce, preto do portal, preguntoume, tímidamente, se quería saír con el, e eu, coa boca aberta e o corazón a mil, respondínlle, máis tímida aínda, un sí rápido e baixiño, e despedímonos, moi ledos ambos, "ata mañá" (nada de bicos ata un mes despois)

Saltaba de contenta camiño da casa, agardando atopar á miña curmá para lle contar "o milagre" ;-))

30 anos despois seguimos xuntos, temos dous fillos e pasaronnos moitas cousas, boas e malas, houbo ledicia, tristuras, preocupacións, enfermidades, pelexas e reconciliacións, pero seguimos xuntos e aínda paseamos ás veces collidos da man como na fotografía ;-). Así que para el é este poema que lle escribín fai pouco :

Quenta,
coa tenrura
do teu corpo,
esta fría
pel de cobra
que son eu.

Acende
con bicos amorosos
cada centímetro
de min.

Fai que esqueza,
nesta noite,
as dores de tódalas batallas
e perfuma
co teu alento
o meu mencer.


¿Onde estariades vos daquela ?

(Hay una traducción en comentarios :-))

domingo, 9 de noviembre de 2008

NONA




Fai moitos anos, eu coidaba polas tardes a unha velliña arxentina á que chamabamos todos a "Nona". Ela, que estaba de visita na casa da súa filla, casada cun lucense, tiña a cadeira rota e non se movía por si mesma, así que, polas tardes, pasabamos o tempo conversando, xogando á brisca ou mirando pola ventá do salón. Dende alí contemplaba entusiasmada as bandadas de estorniños que facían filigranas no ceo de Lugo.
Cada pouco, se eu ía á cociña a prepararlle a merenda ou marchaba acondicionar o seu cuarto, chamábame a berros:
- " Selia, Selia, vení acá ! Mirá los pájaros !”
Eu, como sabedes, non me chamo Celia, pero por máis que insistín, nunca conseguín que aprendera o meu nome, así que rematei por ser Celia "a conciencia".
E ía alá e miraba con ela as inmensas bandadas de estorniños que facían filigranas no ceo de Lugo, á tardiña, contra o horizonte vermello.
Supoño que os estorniños eran unha metáfora dos seus propios desexos de estar ceibe daquela cadeira de rodas e poder voar...
O que si conseguín, en tres meses de pacientes exercicios diarios, foi que volvera a erguerse da cadeira e puidera camiñar con axuda dun bastón desde o cuarto á sala.
Os derradeiros días que estiven con ela contoume, cun sorriso ilusionado, que soñou que ía no avión cara a Arxentina e que camiñaba “ligerita, ligerita” polos corredores do avión.
Nona volveu a Arxentina para o Nadal e morreu moi pouquiños meses despois, pero hoxe, máis dun cuarto de século despois, eu sigo sendo Celia e acordándome dela cada outono, cando os estorniños voan por riba da miña cabeza.
Pero non todo é señerdade cando penso nela, sempre lembro anécdotas que me fan sorrir, a imaxe dela sentada na cama facendo o seu moño, ou pintando os beizos de vermello, perfumándose...ou outras divertidas, coma aquela vez que tiñamos que erguela da cama entre o seu neto e máis eu, e como pesaba moito, non puidemos con ela e foi esvarando, esvarando, esvarando, ata que quedou sentada no chan... ¡ Que difícil resultou volvela a erguer mentres os tres chorabamos coa risa !

Foto: A tardiña sobre Lugo. Ao fondo as torres da Catedral. (Cuspedepita)

martes, 7 de octubre de 2008

Onde estades...? ;-))

Cando estivemos xuntos
as nosas miradas cruzábanse a miúdo,
buscándose entre a xente.

Daquela, os meus ollos
ficaban presos dos teus ollos,
na brincadeira da ledicia nas túas pupilas.

Porque eu sabía que había un mundo de agarimo nelas,
e que, ese mundo, era un agasallo para min nese momento.

Ti tamén sabías, estou segura,
da tenrura leda que aniñaba nas miñas,
anque non faláramos.

Contigo nunca fixeron moita falta,
é estrano,
os lazos ¿ou cadeas? das palabras.

Esta entrada é para alguén a quen quero moito :-)) Unha lembranza dos momentos en que descubrimos que, de verdade, eramos transparentes.

lunes, 21 de julio de 2008

PECHADO POR VACACIÓNS

Xa teño as maletas preparadas, xa durmo mal pensando na viaxe, xa me imaxino a chegada a Bs As, as apertas aos meus curmáns e aos meus amigos, a ledicia de coñecer a xente que leva anos compartindo a vida comigo a través da pantalla do ordenador ou do fío telefónico, o mate compartido co meu curmán Ales, igual que en Galicia :-), o asado de Antón, o paseo por Agronomía, a herba infinda da Pampa, a cariña de Antía, recén nacida, La Plata, Mar del Plata, Bahía Blanca, o agarimo de Maria Juana corenta e cinco anos despois da última aperta, a tertulia con Fíos Invisibles no Tortoni, as xuntanzas coa xente de Fillos de Galicia en Bos Aires...

En fin, que xa non estou aquí, a miña cachola está xa subida ao avión cruzando o Atlántico.

Así que, amigos, lémonos dentro de vinte días, á volta :-))


Mentres, deixovos esta canción "Entre la tierra y el cielo" de Nocheros, que me gusta moito:




Apertas e bicos para todos.

viernes, 11 de julio de 2008

Morte dun amigo



O día 9 morreu en Arxentina un amigo: Manuel Gómez, máis coñecido polos internautas como Manolo da Pampa.

Como me escribiu María Rosa Iglesias, desde Bos Aires, “ non era inxeñeiro, non era astrónomo, non era escritor, non era bo mozo. Era un home bo, gustáballe a conversa, a boa mesa, estar con amigos, amaba Galicia, ¿fai falla algo máis para ser lembrado e sentida a súa ausencia ?”

Manolo era fillo, antes que nada, de emigrantes de Baleira, das aldeas de Estornín e Cubilledo, fillo, despois, de “almaceneros” de Avellaneda, onde pasou a súa infancia e a súa xuventude.
Vivíu o resto da súa vida en Castex, unha pequena vila preto de Santa Rosa, na Pampa.
Estaba xubilado fai pouco e soñaba volver unha vez máis ás súas aldeas de Baleira coa súa benquerida Nelly, compañeira de toda a vida.

Manolo, como tantos outros emigrantes, perdera a pista da súa familia en Galicia, pero empeñouse en atopala, fai anos, cando aínda non había as facilidades que agora nos ofrece internet.
Mandou cartas e fixo chamadas ata que deu con alguén que se ofreceu a preguntar e tirando do fio reconstruiu a historia da súa familia.

Fai algúns anos, veu nunha viaxe organizada que debía levalo por Europa desde Madrid.

Cando chegou a estación para tomar o autobús na capital para a xira europea, disque viu ao seu carón o autobús que viña para Lugo e sen pensalo mercou un billete e deixou marchar o outro autocar, abandonando a viaxe por Europa.

Contábame que polo camiño o que máis lle chamou a atención era o verde que estaba todo, as mulleres vestidas de negro de pés a cabeza e “esas casiñas pequenas que había a carón das casas” e que logo soubo que eran os hórreos.
Unha vez en Lugo no autobús cara o Cádavo e despois cara Burela, onde fora parar parte de familia, sorría abraiado escoitando aos nenos falar aquel galego que lle resultaba tan familiar.

Lembraba que súa nai preparaba “esa sopa de carne salgada, verdura e patacas” e tamén cachelos con sardiñas ou pulpo para os domingos. Medio barrio(todos galegos) xantaba alí con eles ese día.

Na súa casa de Castex, Manolo fixo chourizos “colorados” e un ano tamén algún butelo coma os da Fonsagrada, coa receita que lle mandei.

Axudou a moitos descendentes de emigrantes a atopar o fío que os conduciría á familia , así foi como o coñecín eu, axudando ambos á mesma persoa, el desde alá indicandolle en que lugares buscar información, os trámites que precisaba para recuperar a nacionalidade española, eu desde aquí buscandolle as partidas de nacemento, e desa axuda naceu unha amizade que se prolongou por anos en correos e chamadas, porque nunca nos vimos. Íamos vernos agora, dentro dun días, pero a morte non quixo agardar un pouquiño máis...

Manolo ten amigos en todo o mundo, a todos os lugares onde había un galego, chegaba a amizade de Manolo, xente que hoxe ten o corazón encollido coma min.

Un deles, Manuel López Faraldo, desde Montevideo, di que “hai homes aos que non se pode chorar cando morren, hai que imitalos, e Manolo era un deles, dos que espallan entre nós a semente da irmandade galega” así que deixo de chorar e desde aquí fágolle esta humilde homenaxe a Manolo da Pampa.

martes, 1 de julio de 2008

Inspiración

Encántame isto de ser "inspiración para os poetas " ;-)):


L&M
agasállanme no seu blog cunha entrada na que podo aprender a mellor maneira de cociñar o raposo ;-)(xa era hora que o conto da pita e o raposo fose algunha vez do outro xeito):

e Esquina Sur explica maxistralmente o misterioso motivo polo que viaxarei a Arxentina a finais de mes ;-))

domingo, 8 de junio de 2008

A casa de Gutiérrez





Este é un cadro que pintou o meu curmán Alejandro Gutiérrez .

É o que lle quedou na retina da primeira vez que viu a casa na que naceron os nosos avós, que eran irmáns. Pintouno de memoria, de volta á Arxentina, pero é tan exacto coma unha fotografía.
O seu avó chamábase Maximino e emigrou a Bos Aires despois de facer o servizo militar.

Mentres o facía, coñeceu unha rapaza da Coruña, da que se namorou, e, como na casa lles pareceu que unha señoritiña de cidade non faría boa labradora, non lla quixeron por muller.

Pero el, que era igual de cacholán ca todos os da nosa "raza", decidiu marchar da casa e facer os dous as Américas.

Anos máis tarde, xa instalado en Lanús, e nacidos tres fillos, enviuvou e volveu a casar cunha rapaciña da súa mesma aldea, que tamén emigrara, e tivo un fillo máis, do que nacería, no futuro, o meu curmán.

Co paso do tempo perdeuse o contacto entre as dúas partes da familia, ata que Alejandro quixo coñecer as súas raíces, camiñar os lugares dos que procedía o seu sangue galego, saber do pasado, recoñecerse de algunha maneira nas facianas dos que levabamos o mesmo sangue a 10.000 km. de distancia.

Por sorte, as novas tecnoloxías ofrecen agora infindas posibilidades, axiña conseguiu o teléfono dun dos familiares que tiña aquí, un gaiteiro falador e con moi boa memoria, que lle contou moitas cousas e me puxo en contacto con el.

No ano 2005, poucos meses despois disto, acompañei ao meu curmán nun emocionante reencontro coa nosa xente, a aldea dos avós, a súa casa...

Esta foi a súa primeira ollada emocionada a esa especie de útero materno que é o fogar.

Con el aprendín a recoñecer, eu tamén, as características comúns da nosa familia que permanecen : a forma dos ombreiros e das pernas, as canas abundantes desde novo, o carácter indómito e decidido, o humor e o gusto polas bromas, o olfato fino...
Tamén aprendín a valorar moitas das cousas que teño arredor e ás que igual non daba o aprezo que merecían.

Este verán serei eu quen vaia coñecer á miña familia de alá, e el será o meu guía polos camiños que o noso sangue abriu en América.

Medio século despois a familia volve a estar unida.

En busca de cereixas


O martes andarei en busca de cereixas polo camiño de Santiago con esta muller:
" “Sou Rosaly Isabel Senra Barbosa, signo de escorpião, elemento água, ascendente em capricórnio: antenas no céu, pés fincados na terra. Mineira da gema, vivo em Belo Horizonte, respiro e transpiro o espírito de Minas: liberdade. Sou cidadã do mundo. Curto as artes, as gentes, os intercâmbios.”
“Escolhi o ‘caminho francês’, saindo de Saint-Jean Pied de Port, na França, aos pés dos Pirineus, passando por Santiago, indo até Finisterra ­ o ponto extremo-oeste da Europa. Finisterra significa ‘fim do mundo’ – época em que a humanidade acreditava ser plana a terra - Ali, ao pôr-do-sol, eram feitos rituais de morte e renascimento.
Decobrí que meu bisavó, galego, nascera numa aldeia chamada Almofrei, da provincia de Pontevedra, bem perto de Santiago (...) Como muitos galegos que vieram "fazer a América", saiu do porto de Pontevedra com quatro irmãos, no ano de 1881. Em Minas Gerais abriram estradas, acharam ouro. Morreram, mas as súas famílias cresceram..."
Rosaly, "radialista"(xornalista radiofónica) de Belo Horizonte, que percorreu o camiño francés no ano 2000, deixou nas páxinas deste libro un delicioso relato que nos leva desde Belo Horizonte a Fisterra nunha viaxe que inclúe 30 días de camiñada.
Despois de España e Francia, Brasil é o pais do que máis peregrinos saen para Compostela. Cada ano, 2000 brasileiros percorren "as trilhas"de Santiago, pero, nos anos xacobeos, este número triplícase.