Mostrando entradas con la etiqueta Lembranzas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lembranzas. Mostrar todas las entradas

domingo, 28 de diciembre de 2014

A Noite de Reis



Era Nadal e facía frío. Tempo de matanza e de pasar as noites tras do lume da cociña.

A noite de Reis, coincidía cada ano coa festa dos "roxois" na casa de Arango, que estaba a carón da miña, e en todas as da miña memoria había unha espléndida lúa chea que permitía que os nenos saíramos fóra xogar enriba da lama xeada, e nos achegáramos, aló pola  medianoite, ata a nosa casa para ver se xa viñeran os Reis...
 Por suposto que nunca chegaron tan cedo.

A cea consistía case sempre nun guiso de costelos e patacas seguido dos roxois con cachelos, arroz con leite e freixós (filloas) de sobremesa.

A min non me gustaba o arroz con leite da casa de Arango porque levaba azucre e eu estaba afeita a comelo só  cun chisquiño de sal, como se facía daquela en moitas casas.

Despois da cea, os nenos e nenas xogábamos ao escondite. Se estaba mal tempo dentro da casa, polos cuartos e os corredores, e se estaba tempo seco, por fóra, no medio da noite..  Daquela os nenos disfrutabamos dunha liberdade que hoxe non teñen.
Corríamos e corríamos pola Pereira ata que nos rendía o sono.
Cando pasábamos da casa de Arango á Pereira, sempre o facíamos á carreira porque o camiño do Regueiro ( que saía da aldea cara ao monte) semellaba unha boca de lobo, escura e perigosa pola que podía aparecer Recaredo, o noso particupar " home do saco", que máis tarde resultou ser un daqueles  fuxidos que se  " botaran ao monte" trala guerra.
Correr espantábanos o medo.

Os adultos, mentres,  xogaban ao julepe e o subastado,  ás veces ata que clarexaba o novo día. Apostaban cartos, pero só moeda pequena (non había para apostas fortes). Isto diferenciaba os días das festas dos días correntes de polavila nos que xogaban ao tute, a brisca ou á escoba sen apostar.

Pasada a noite, pola mañá cedo, tremendo de frío naqueles cuartos sen máis calefacción que as vacas que había debaixo, na corte, corríamos á ventá onde deixáramos os zoquiños ou as zapatillas a noite antes para descubrir abraiados o que trouxeran os reis.
A pesar da pobreza, non lembro que nunca estiveran baleiros de todo.

O resto do día paseabamos polos camiños facendo ou respostando a  pregunta obrigada : ¿ E a ti, que che trouxeron os Reis ?

A memoria destes días e noites  felices da infancia revive cada Nadal. Non quixera perdela nunca.

E hoxe quixera compartila especialmente con todos aqueles nenos e nenas de Villaframil cos que os vivín.




domingo, 11 de agosto de 2013

Muros

A miña lembranza...

domingo, 30 de junio de 2013

Hórreo en San Xián

Dende lonxe lembro o hórreo da casa da aldea.

sábado, 28 de abril de 2012

Lembranza



Chove miúdo en Bos Aires.
O día de outono trouxome a lembranza do amigo morto.
Non podo esquecer a súa persoa que, intúo, sobrevoa a primavera de Galicia.

Apertas.

Antón.

(Quen coñeceu a Rubén Servia sabe do que falo) 

sábado, 17 de marzo de 2012

Onte e hoxe



O milagre da vida.

(¿Que pode dicir un pai?)

Apertas.

Antón.

martes, 31 de enero de 2012

Cuarto aniversario




Hoxe Cuspe de Pita cumpre o seu cuarto ano.


Primeiro comezou Cuspedepita dende A Fonsagrada e despois cheguei eu (Antón de Muros) dende Bos Aires.

Naqueles tempos (2008) todos eramos máis novos (non tanto como a cadeliña do meu pai que amosa a foto) ;-)


Neste último tempo o noso blog non estivo moi activo, mais sentimonos preto de moitos blogueiros.

A todos eles (vós): grazas polas visitas e os comentarios.

Apertas.

domingo, 15 de marzo de 2009

Preciosa


Cando meu avó Juan Antonio tiña 13 anos naceu María Preciosa na casa veciña da aldea de San Xián de Torea.
Poucos anos máis tarde Juan Antonio deixou Galicia para sempre e veu á Arxentina buscando unha nova vida.
Ela medrou na aldea e coñeceu ao meu bisavó Francisco, un home alto e de bo humor, que cando mallaban o pan cunha máquina facía rir ás mulleres e berraba ¡eeepa! namentres facían o traballo.

Primeiro foi o seu home, e despois ela, con case 40 anos, a súa nai e tres fillas; todos seguiron o camiño da emigración.
A súa familia estableciouse en Avellaneda, doutro lado do Riachuelo, preto da Cidade de Bos Aires.

Xa pasaron case 50 anos dende que María Preciosa chegou á Arxentina e hoxe lembra aqueles tempos e aquelas persoas e fala cun bisneto de Francisco, o veciño da aldea que a facía rir.
Ese bisneto, que son eu, nado tan lonxe da terra, pensa que ela é a testemuña da súa identidade.
Xeracións e xeracións de galegos da Ría de Muros que non morren porque o sangue perdura nos fillos dos seus fillos.

María Preciosa e máis eu sabemos que o repinaldeiro está camiño á fonte seca, e ámbolos dous rimos cando falamos na nosa lingua tan lonxe de San Xián...

A flor é un agasallo para ela no seu cumpreanos número 87.
Antón.
(Se queres ver mellor a foto pica nela)

(Traducción en comentarios)

viernes, 30 de enero de 2009

Primeiro aniversario


(Cuspe de Pita somos dúas persoas distintas que medran xuntas, coma estas dúas plantiñas que fotografou Antón )


Hoxe Cuspe de Pita cumpre o seu primeiro ano.
O 31 de xaneiro de 2008 publiquei aquela primeira e tímida entradiña na que, sen embargo, resumía moi ben a filosofía deste blog, que pretendía, e pretende, ser un reflexo da nosa vida, ese caixón de xastre onde imos gardando, estes dous amigos-irmáns, Antón, desde Bos Aires, e eu, Marisa (Cuspedepita), desde Galicia, as cousas que nos van pasando, que nos gustan, que nos apaixonan, que nos enternecen, que nos preocupan, que nos admiran, que nos doen, que nos fan rir, que nos dan carraxe, ou nos fan sentir fachendosos ou emocionados.
Detrás quedan 365 días moi especiais, nos que pouco a pouco fomos aprendendo como se fan tantas cousas... Porque ningún de nós sabe moito de informática, e fomos aprendendo "por descubrimento", a base de "ensaio erro", é dicir, de meter a zoca moitas veces para saber o que non hai que facer para a próxima...
Deses 365 días gustaríame destacar catro eventos: O día en que Antón se decidiu, por fin, a escribir a súa primeira entrada, anque sempre colaborou coas súas fotos, poemas e consellos, as miñas vacacións en Arxentina que deron pé a unha chea de entradas, esta Xuntanza de Blogueiros de Agolada na que vos coñecín a moitos dos amigos que agora temos neste mundo blogueiro e que foi unha experiecia que eu non esquecerei, e por último, este Manifesto pola Solidariedade que conseguiu xuntarnos a todos por unha nobre causa.

Quero tamén lembrar que os dous primeiros comentarios, dos moitos que deixastes en Cuspe de Pita, viñeron de dúas persoas ás que quero e admiro: Débora de "Fíos Invisibles" e Zeltia de "Sin pena ni gloria", dúas amigas que nos acompañaron ao longo deste ano e coas que agardo seguir contando sempre :-)

Un agarimo tamén para o noso amigo Chousa, que foi quen me embarcou a min neste transatlántico no que eu, despois, enrolei a Antón :-)
Sentimos que el é, dalgunha maneira, o noso "padriño" :-))

Debémoslle a este ano de Cuspe de Pita moitos sorrisos, unhas cantas gargalladas, algunhas lagrimiñas de emoción, moitos ¡ooooooohhhh! de admiración polo que lemos ou polas fotos que nos gustaron dos vosos blogs, e, sobre todo, moita ledicia polos moitos e bos amigos que atopamos.

Unha aperta a todos e moitas grazas por visitarnos, aos que escribides comentarios e aos que só ledes, que eu sei que hai tamén algúns ;-)

(Hay una traducción en comentarios)

lunes, 29 de diciembre de 2008

E todo volve...


De súpeto, a Noiteboa encheuseme dun recendo a eucalipto e sal que chegaba da noite dos tempos abríndoseme paso na memoria.
Unha leve dor, reflexo doutras antigas e menos leves, asolagoume a vontade, e o pensamento fíxoseme noite rondando o faro de Hío.
Escoitei contos para nenos en vellas ondas hercianas do Lérez, perdidas no espazo e no tempo, voces que viñan de lonxe, ecos dos tempos en que María quedou Soliña polos camiños de Cangas…
Ao caer da tardiña algunhas pezas agochadas do crebacabezas aboiaron, como pequenas illas de Tambo no medio da ría. E todas encaixaron nun taboleiro que antes gardaba incompleto, mentres me faltaba o alento e volvían á miña cachola, coma un río, as verbas, coitelos de lume, que racharon daquela a paz do meu peito inxenuo.

Coma o muiño do Cabo, volta a volta, precisei da pesada pedra da miña vontade, para esfarelar paseniño o duro grao daquela quimera e facer aparecer só a branca fariña que nace dos bos sentimentos que aniñan no colo dos xustos, dos bos e xenerosos.

E lembrei aquelo que escribiu Bernhard Schlink e que Cobiñas nos fixo acordar :
“¿Por qué o que foi fermoso, cando miramos atrás, se nos volve quebradizo ao saber que agochaba verdades amargas?”
E lembrei que a nosa Zeltia amiga me avisou unha mañá que “nada queda ya: ni adolescencia, ni ilusiones, ni...” nin sequera unha lembranza verdadeira de como foron as cousas.
Pero tamén me dixo que “ya están las mimosas floreciendo a hurtadillas” e a vida mira cara ao futuro e non cara o pasado.
E así, xa que“ veinte años no es nada “ como lin estes días onda a Vermella agarimosa, “ vivir… con el alma aferrada a un dulce recuerdo “ paréceme agora unha … "boludez", pola miña parte, meu irmán … cando tantas cousas, moito máis doces, me ofrece a vida.

Cuspe


A foto é obra de Antón de Muros :-)

(Hay una traducción en comentarios)

sábado, 22 de marzo de 2008

Primavera


Vivín dous anos nos Ancares e esta terra deixoume unha pegada tan forte que me sentirei para sempre ancaresa de corazón.

PRIMAVERA EN ANCARES

Narcisos silvestres
douran a herba vizosa
dos prados de Moreira.

Tardes ó son das chocas,
( a paz do gando que pace)
entre Vilarello e Xantes

Bolboretas de sol
acariñan ós nenos e nenas
no colexio de Donís

E no horizonte da tardiña
un sol enorme e loiro
deitase entre ondas de lume.