Mostrando entradas con la etiqueta homenaxes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta homenaxes. Mostrar todas las entradas

sábado, 28 de abril de 2012

Lembranza



Chove miúdo en Bos Aires.
O día de outono trouxome a lembranza do amigo morto.
Non podo esquecer a súa persoa que, intúo, sobrevoa a primavera de Galicia.

Apertas.

Antón.

(Quen coñeceu a Rubén Servia sabe do que falo) 

lunes, 2 de abril de 2012

2 de abril



Foi unha loucura invadilas militarmente hai 30 anos.

Veciñas da beira patagónica, lonxe da loira Albión.

Agardan as illas no gris do vento.

Eu sintoas preto.
Unha lembranza aos que morreron no solo das Illas Malvinas.
Antón.

(Coloratlas Ed. Kapelusz / Argentina, mi país. Arte Gráfico Editorial Argentino)

martes, 25 de mayo de 2010

Bicentenario





A nai do meu tataravó Antonio Rey tiña oito anos e vivía en Torea (Muros) cando o Cabildo de Bos Aires botou ao virrei Cisneros.

Hoxe, dous séculos despois, penso nas dúas beiras do océano (non esquecín as miñas orixes).

Curiosamente, o meu avó chegou en 1927 a un país cunha bandeira que ten as mesmas cores da bandeira galega.
Unha aperta dende Arxentina.
Antón.
(escarapela arxentina, bandeira galega, Cabildo de Bos Aires)

martes, 18 de mayo de 2010

17 de maio. Día das Letras Galegas

Falo, leo e escribo.
(Penso en galego)

Antón de Muros (dende a "fisterra americana")

jueves, 2 de abril de 2009

Morreu un demócrata


O derradeiro día do mes de marzo morreu Raúl Ricardo Alfonsín, quen fora presidente da República Arxentina dende 1983 ata 1989.
Namentres escribo estas liñas, milleiros de persoas pasan xunto ao seu cadaleito no Congreso Nacional Arxentino para lle rendir a súa homenaxe.

Era un home honesto e democrático.
Foi elixido por máis do 52% dos votos cando voltou a democracia ao país despois de 7 anos de dictadura militar.
Daquela participei de actos multitudinarios e votei por primeira vez na miña vida. Elixín a Alfonsín porque pensei que era un home altruista e austero e que buscaba o ben da Nación.

Quixo a paz con Chile, preparou as bases do Mercosur, traballou para o xuízo ás Xuntas Militares, e tivo que loitar contra unha tormenta económica cun país afogado pola Débeda Externa (que algúns chaman "eterna"), a baixa dos prezos das comodities, as folgas crónicas e os conatos de golpes militares.

Alfonsín era descendente de galegos de Caldarnos (Ribadumia) e en 1988 foi nomeado fillo adoptivo da provincia de Pontevedra.

Moitas veces tiven xuntanzas no Centro Lalín de Bos Aires onde está pendurada a súa foto.

Foi un bo político (cousa pouco común) e por iso milleiros de persoas lembrarán o seu nome.

Antón.
(Traducción en comentarios)
Fotografía: Stringer

viernes, 17 de octubre de 2008

A miña nai




Cando morre alguén novo, a vida semella inxusta.
Se esa persoa é a túa nai e ti es un neno, choras ata ficar sen bágoas.
O 20 de outubro de 1971 e á idade de 32 anos, morreu María Rosario.

O 19 deste mes celébrase na Arxentina o Día da Nai.
O meu agasallo é a miña lembranza e unha rosa, como as que lle din cando a tiven viva.

martes, 8 de julio de 2008

Un galego

De Cuspe de pita



Viches a luz no verán boreal
A casa de pedra, a lareira,
as cortes, o hórreo e as hortas
foron a túa paisaxe primixenia.


A igrexa e o campo santo,
os animais e os montes,
o coidado da terra e poucos cartos
foron a túa realidade cotiá.


Neno sen xoguetes,
un mestre de aldea achegouche as letras
e os primeiros cálculos.


Manuel, o irmán maior emigrado ao Uruguai
falouche doutro mundo alén do mar.
Un traballo, cartos,
a posibilidade de progresar
e ter un negocio.


Atopaches unha chave
para saír da miseria da aldea
das limitacións da vida no medio rural:
pouca terra, poucos animais
e moitas bocas para alimentar.


Concebiches outra posibilidade
-namentres ollabas o traxe e a gravata de Manuel-
Quizás tiñas que facer unha longa viaxe
para romper coa pobreza,
para saír do horizonte sen futuro
que xa intuíra a túa avoa Xoana
antes que ti chegaras ao mundo...
a túa forza e o teu sentido do humor
foron as túas armas.
fuches ao porto coa túa lixeira maleta
e colliches o barco que viña de Alemaña
cara á América dos soños e das posibilidades.
Chorou o teu pai.




De Cuspe de pita



Comezaches unha nova vida.
Axiña aprendiches as regras de xogo
da gran cidade.
Atopaches unha asturiana
e fixeches xunto a ela o teu propio fogar


A túa vida foi o traballo e a familia.
Mozo de limpeza nos fogares acomodados
de Bos Aires primeiro,
despois o almacén e por último o garaxe.


Un fillo, dous netos, cinco bisnetos,
A semente que deixaches
moi lonxe de Galicia,
corazóns que latexan e non esquecen
a túa vida de proveito.
Juan Antonio Rey Vara:
A un século do teu nacemento.


9 de xullo de 1908. San Xián de Torea (Muros)
31 de decembro de 1988. Bos Aires.


Antonio José Francisco Rey

martes, 13 de mayo de 2008

Homenaxe



Hoxe quero rendirlle unha humilde homenaxe a unha muller valente e xenerosa, "o anxo do guetto de Varsovia" que arriscou a súa vida para salvar a 2500 nenos do exterminio nazi :
Irena Sendler, que acaba de falecer, arriscou a súa vida sacando aos nenos a escondidas do guetto e dándolles unha nova identidade para que non fosen atopados.
Sofriu terribles torturas cando foi descuberta , pero nunca revelou a identidade dos nenos.
Este ano era unha das candidatas ao Nobel da Paz, igual que o ano pasado. Un Nobel que xa non poderá recibir, pero que merecía.