Sendo galega teño moitas cousas polas que facelo, pero esta vez quero presumir do nivel que temos en Galicia nunha disciplina que me engaiola e que consigue facerme esquecer todas as penas: o baile de salón.
Estes rapaces que vedes nas fotos, e que suman mestría, beleza e simpatía, chámanse Manuel Trillo e Gabriela Paredes (arousán el, compostelá ela) e acaban de gañar a medalla de prata no Campeonato de España de Bailes de Salón en Roses (Girona).
Dáse a casualidade que Manuel é o noso profesor de baile. Para darnos clase vén cada noite de mércores desde a Illa de Arousa á Fonsagrada e volve para alá. Todo un sacrificio, e tamén unha aventura, coñecendo as nosas estradas, pero el di que "polo baile vou á fin do mundo se fai falta... "
Manuel é igual de excelente como profesor que como bailarín, así que, dentro de pouco, non haberá baile que se nos resista aos afeccionados fonsagradinos ;-)
Coa actitude optimista que teñen, coa súa profesionalidade, a capacidade de traballo e sacrificio, e sobre todo, a ilusión que lle poñen ao baile, estou segura que chegarán a ser os mellores do mundo.
Fotos cedidas por Manuel Trillo
Tradución en comentarios