
Remataba o mes de setembro, cando as abrairas e as nogueiras soltan os seus froitos e aparecen nas hortas e nos montes os primeiros cogomelos.
Esa noite caera unha boa tormenta que fixera arroiar os camiños, e o do Regueiro apareceu á mañá cuberto de follas, baixo as que se agochaban centos de noces e abelás.
Dositeo foi apañalas ben cedo. Vilaframil estaba daquela moi poboada, eran moitos en cada casa e non quedaba nada podrecendo nas beiras dos camiños, como agora. Se non madrugaba, non atopaba que recoller.
Mentres apañaba, atopou a un veciño e contoulle o motivo de que estivera esperto case toda a noite: “ Xa temos outra Marisiña “.
Ese amencer nacera a que había ser a súa afillada “da casa”, unha nena que herdaba o nome dunha das irmás de Dositeo.
Concepción de Loureiro, a veciña que atendía os partos na aldea, fixera un bo traballo aquela noite e tanto Inés (a nai) coma a neniña, estaban moi ben.
Hoxe fai 49 anos daquel día.
Dositeo morreu en outubro, vai para 13 anos.
Esa nena recén nacida era eu.
Traducción en Comentarios