jueves, 27 de septiembre de 2012

Facer limpeza e sacar o lixo





Anque o mundo se desmorone un pouco ao meu arredor, aplaudo rabiosamente a esta xuiza que, desde Lugo, está empeñada en facer limpeza das  institucións e empresas galegas e  sacar o lixo para que o cheiro a podre deixe paso ao ar limpo do outono.

Foto: Cuspe

sábado, 22 de septiembre de 2012

Cardos




Remata un verán estrano, inzado de tantos sobresaltos coma días de sol. Asoma amodiño un outono que parece que vaia ser o peor das nosas vidas, polo menos no que a perspectivas económicas e sociais se refire. Medra a carraxe xorda e muda da xente por cada avance da crise que desmantela o noso país, mentres os políticos só saben botar máis leña ao lume e engrosar as listas do paro que parecen medrar en progresión xeométrica. Pero ao tempo que recortan alegremente por aquí e por alá dereitos dos cidadáns sen lles tremer o pulso, a eses políticos, que non teñen nin idea de como saír desta, ocórrenselles, porén, brilantes ideas como adiantar eleccións, convocar referendums, pensar en independencias...como se todo iso fóra de balde e o único importante sexa non deixar de detentar o mango do garfelo, anque non haxa caldo no pote para levar á boca.
 E eu penso, nesta primeira tarde de outono, como podería, co meu pobre voto, pararlles os pés.

Foto de Elisa Fernández.

viernes, 14 de septiembre de 2012

Xuntos

Os autores desta bitácora coñecémonos a través de internet vai para dez anos.  Desde aquela foise forxando entre nos e as nosas respectivas familias unha forte relación fraternal, compartindo a vida á distancia, mais cunha presenza permanente, diaria.
Nestes anos só en dúas ocasións puidemos compartir  uns poucos días xuntos, grazas as vacacións. A primeira vez vímonos no inverno de Bos Aires, entre xullo e agosto do 2008, esta vez no verán de Galicia (xullo de 2012).
De Cuspe de pita
Aquí nos tedes paseando pola praza Maior de Lugo o día que Antón obtivo o seu primeiro DNI español :-)) A foto, esta vez, é obra do pai de Antón :-))