sábado, 29 de noviembre de 2008

Espellos



O ángulo de incidencia é igual ao ángulo de reflexión.
A normal á superficie reflectora e os raios incidente e reflectido están incluídos no mesmo plano...

Saúdos ;-)
Antón.

lunes, 24 de noviembre de 2008

30 ANIVERSARIO

Corría o ano 1978, o mes de novembro xa a piques de rematarse.
O ano da Constitución.

Eran os tempos do destape en España, de estrenos como "Enmanuelle" ou "El último tango en París "que, ata daquela, os españois cruzaban fronteiras para ver en Biarritz.

Aquel ano o canario José Vélez levou o seu "Bailemos un vals" a Eurovisión coa mesma pouca fortuna que os que se mandan agora, anque el era un artista consagrado.

Víamos na tele ( de só dúas canles) "Cañas y Barro", "Yo, Claudio", e "Vacaciones en el Mar", e bailabamos nas discotecas ao son que marcaban Travolta e Newton-John con "Grease", os Bee-Gees eran grupo estrela do momento, e tamén soaba aquel "Cara de gitana" de Daniel Magal, que anos despois cantarían grupos tan dispares como Nocheros e Los Tigres del Norte.

Cruiff deixaba o Barça despois de levalo ao olimpo dos deuses, e realizábase a primeira fecundación "in vitro".

Un ano difícil de esquecer.

Había en Lugo daquela dúas discotecas, ambas desaparecidas hoxe. Unha era "Grilo", un local ao pé da Residencia que ardeu xa fai anos.
Na Grilo tiñamos ao noso Travolta particular, un rapaz ao que lle perdín fai moitos anos a pista, guapo, rubio, e con melena ao estilo Bee Gees.

Os domingos ía coas miñas amigas bailar alí. Alí atopábamos a outros amigos e amigas cos que pasabamos a tarde.

Ó 26 de novembro non estaba a miña curmá, que me acompañaba sempre, e, á saída, un rapaz da Fonsagrada, que me gustaba moito desde facía tempo, acompañoume ata preto da miña casa, anque eran outros tempos e unha rapaza podía andar soa de noite sen perigo.

Cando paramos no cruce, preto do portal, preguntoume, tímidamente, se quería saír con el, e eu, coa boca aberta e o corazón a mil, respondínlle, máis tímida aínda, un sí rápido e baixiño, e despedímonos, moi ledos ambos, "ata mañá" (nada de bicos ata un mes despois)

Saltaba de contenta camiño da casa, agardando atopar á miña curmá para lle contar "o milagre" ;-))

30 anos despois seguimos xuntos, temos dous fillos e pasaronnos moitas cousas, boas e malas, houbo ledicia, tristuras, preocupacións, enfermidades, pelexas e reconciliacións, pero seguimos xuntos e aínda paseamos ás veces collidos da man como na fotografía ;-). Así que para el é este poema que lle escribín fai pouco :

Quenta,
coa tenrura
do teu corpo,
esta fría
pel de cobra
que son eu.

Acende
con bicos amorosos
cada centímetro
de min.

Fai que esqueza,
nesta noite,
as dores de tódalas batallas
e perfuma
co teu alento
o meu mencer.


¿Onde estariades vos daquela ?

(Hay una traducción en comentarios :-))

domingo, 23 de noviembre de 2008

A Coroa






Para Maria Juana Magadán e todos os que saimos de Vilaframil algún día...



A COROA

A Coroa
érguese contra o ceo
no contraluz da tardiña
e pinta de verde,
sobre vermello,
a paisaxe do val.

A Coroa...lúa chea
que baila nas sombras
da Chaila dos Lobos
unha danza ancestral.

Alma inqueda do piñeiral,
morada de mouros
en antigas covas.

Vento que aúla
entre os castiñeiros
de Gaiol e Fargaoso.

Xabaril que foza
nas leiras do estivo,
cortín de cen colmeas,
ouro soterrado,
campá de lenda.

Séculos de pedra
gardan, coas súas murallas,
o sol no teu cume.

martes, 18 de noviembre de 2008

Jacarandás





Se puideses camiñar polas rúas de Bos Aires en novembro, non poderías deixar de admirar os jacarandás (preme aquí).

Amosan as súas flores tubulares azul violáceas e enchen de cor a cidade.

Un agasallo para a vista e unha caricia para a alma.
(Fotos Antón de Muros - Preme nelas se queres)

domingo, 16 de noviembre de 2008

Anisóptero


Alguén chama á porta ;-)
(Foto Antón de Muros - Preme nela se queres)

viernes, 14 de noviembre de 2008

Como can e gato








A cadeliña Tila era un ser moi especial, aparte de ser moi lonxeva (17 anos é moita idade para unha cadela), era a bondade e a alegría encarnadas non corpiño pequeno e peludo.

Tiña un sexto sentido para saber cando os outros (persoas ou animais ) eran vulnerables, e sempre actuou en consecuencia.

Tiña infinda paciencia cos nenos (e cos grandes) e un corazón xeneroso, que a levou a esquecer o instinto para ser nai adoptiva da gata Cinzas e, por tanto avoa da gatiña Xelatina.

Nas imaxes podedes vela coa súa familia.

A Tila morreu atropellada poucos días despois destas fotos. Xelatina a netiña tamén morreu porque estaba moi enferma.
Cremos que súa nai trouxonola á porta da casa (esas fotos son do primeiro día que a vimos, porque Cinzas tíñaa ben escondida) porque soubo que estaba enferma.

Tila herdara o seu nome doutra cuza que tiñamos na casa cando meu irmán e eu eramos pequenos. Herdou o nome e a paciencia :-))

O día que a truoxeron cabíame na palma da man.

Sempre me acompañaba nos paseos. Corría diante de min coa súa peculiar maneira de andar, dous pasos normais e ao terceiro un saltiño.

Ás veces eu escondíame cando vía que me adiantaba moito e ela volvía correndo buscarme. Sempre me atopaba.

Cando algún dos meus fillos quedaba na casa dos avós, ao chegar á casa Tila saltaba arredor do coche baleiro como dicindo que faltaba un ;-)

Se tiña fame ou sede corría seguido desde o saco do penso ou a billa da auga onda min, e ladraba sen parar ata que a entendía.

Por 17 anos foi o primeiro saúdo que recibín cando chegaba á casa.
Agora bótoa de menos.

domingo, 9 de noviembre de 2008

NONA




Fai moitos anos, eu coidaba polas tardes a unha velliña arxentina á que chamabamos todos a "Nona". Ela, que estaba de visita na casa da súa filla, casada cun lucense, tiña a cadeira rota e non se movía por si mesma, así que, polas tardes, pasabamos o tempo conversando, xogando á brisca ou mirando pola ventá do salón. Dende alí contemplaba entusiasmada as bandadas de estorniños que facían filigranas no ceo de Lugo.
Cada pouco, se eu ía á cociña a prepararlle a merenda ou marchaba acondicionar o seu cuarto, chamábame a berros:
- " Selia, Selia, vení acá ! Mirá los pájaros !”
Eu, como sabedes, non me chamo Celia, pero por máis que insistín, nunca conseguín que aprendera o meu nome, así que rematei por ser Celia "a conciencia".
E ía alá e miraba con ela as inmensas bandadas de estorniños que facían filigranas no ceo de Lugo, á tardiña, contra o horizonte vermello.
Supoño que os estorniños eran unha metáfora dos seus propios desexos de estar ceibe daquela cadeira de rodas e poder voar...
O que si conseguín, en tres meses de pacientes exercicios diarios, foi que volvera a erguerse da cadeira e puidera camiñar con axuda dun bastón desde o cuarto á sala.
Os derradeiros días que estiven con ela contoume, cun sorriso ilusionado, que soñou que ía no avión cara a Arxentina e que camiñaba “ligerita, ligerita” polos corredores do avión.
Nona volveu a Arxentina para o Nadal e morreu moi pouquiños meses despois, pero hoxe, máis dun cuarto de século despois, eu sigo sendo Celia e acordándome dela cada outono, cando os estorniños voan por riba da miña cabeza.
Pero non todo é señerdade cando penso nela, sempre lembro anécdotas que me fan sorrir, a imaxe dela sentada na cama facendo o seu moño, ou pintando os beizos de vermello, perfumándose...ou outras divertidas, coma aquela vez que tiñamos que erguela da cama entre o seu neto e máis eu, e como pesaba moito, non puidemos con ela e foi esvarando, esvarando, esvarando, ata que quedou sentada no chan... ¡ Que difícil resultou volvela a erguer mentres os tres chorabamos coa risa !

Foto: A tardiña sobre Lugo. Ao fondo as torres da Catedral. (Cuspedepita)

viernes, 7 de noviembre de 2008

Por favor (ou non)







Cal prefires?
Antón.

jueves, 6 de noviembre de 2008

Retrato de Familia (Manuel)

Manuel fixonos un debuxo como agasallo para o Día da Familia.
El é o segundo dende a dereita e está entre os seus dous irmáns maiores.
Dende a esquerda está a súa irmá, a súa nai e eu.


Aos poucos días foi o seu cumpre número seis.


Un dos agasallos que recibiu foi unha pelota de fútbol...

Gustouche o conto? ;-)

Saúdos.

Antón.

martes, 4 de noviembre de 2008

Eleccións USA


And the winner is...
Non, non, non confundín a campaña electoral estadounidense coa entrega dos óscar de Hollywood, anque non me digades que hai moita diferencia. A política é hoxe, máis que nunca, espectáculo puro e duro, onde importa máis se leva a raia ao medio o candidato que para que lado calza o seu programa electoral. E o peor é que iso é así en USA, pero tamén por estes nosos pagos.

Agardo impaciente o resultado desta eterna campaña electoral dos yankies, por:
1.- A conta que nos trae...por exemplo, ¿se gaña Obama, Zapatero deixará de ser personaxe non grato na Casa Blanca e poderá asistir ao cumio dos G20 sen ter que facer a súa propia, e, para moitos, humillante campaña?
2.- O aburrida que estou de ver a McCain a todas horas na televisión e nos xornais ( A Obama aínda se lle perdoa que está de bo ver ;-) )

As previsións dan a victoria a Obama, e eu coido que así será, anque creo que vai gañar moito máis axustadiño do que se di nos medios. E tamén creo que, de últimas, pouco máis nos vai dar, son moi excéptica respecto a que o pretendido change que prometen os demócratas vaia cambiar moito a política de USA que nos afecta directa ou indirectamente. Deus queira que me equivoque...
O espectáculo de verdade non fai máis que comezar. Obama é bo actor, sabe espertar o lado sensible dos votantes ( anque teña que utilizar á súa avoa para conseguilo) Imos ver o que da de sí.
Agora ben, se gaña McCain, ¡que Deus nos colla confesados !
Mañá falamos ;-)

Cuspedepita

sábado, 1 de noviembre de 2008

Por Santos...






...neve nos campos

Neve fresquiña...da primeira hora desta mesma mañá ;-)
¡Que aproveite !