Mar del Plata
A ruta desde La Plata ou Buenos Aires a Mar del Plata, é unha autovía ancha, recta, plana, coa vía do tren case sempre á dereita, algunhas árbores que sinalan a entrada ás estancias e marcan un horizonte de vacas mouras e brancas (hereford) onmipresentes, pacendo prácidas e silenciosas na planicie sen fin, a ambas marxes da estrada.
De cando en vez unha pequena charca ou unha lagoa, un regato, unha vila de casas baixas que rompen a monotonía.
Paramos a almorzar as medias lúas de Atalaya, cumprindo coa mellor tradición dos veraneantes que viaxan desde Buenos Aires ou as cidades do norte buscando o mar e a praia.
Seguimos camiño baixo unha choiva mesta e forte ata as portas da cidade. Por sorte aquí non chove pero vai moitísemo frío, aumentado polo vento, así que temos que mercar bufandas, puchos e carpiños.
A primeira impresión de Mar del Plata é que se parece moito á Coruña, pero con máis praias en plena cidade, con area da cor da terra, máis escura, e escolleiras.
Hai edificios fermosos que lembran que noutras épocas era lugar de veraneo das clases acomodadas de Arxentina.
Imos xantar á punta da escolleira sul, pasando o cemiterio de barcos, coa ferruxe dona de navíos immensos deitados contra o muelle, baixo a imponente imaxe do Salvador.
A carón do porto hai unha reserva de lobos mariños que ás veces conseguen subirse aos barcos ou sair e pasear tranquilamente pola beirarrúa entre os turistas que se achegan para velos co nariz tapado para evitar o seu cheiro desagradable e penetrante.
Pola tarde paseamos polas rúas repletas de turistas a pesar do frío e imos cear á noite ao "Manolo", ao son duns mariachis, mentres hai toda a noite unha fila de xente á porta agardando a que saiamos uns para entrar outros.
Ao sur de Mar del Plata comeza unha zona que alterna praias e cantís, coma os da Barranca dos Lobos onde, gracias a unha desas casualidades do destino podemos avistar un grupo de seis baleas que se dirixen, moi pretiño da costa, cara ao Sul, ás augas frías da península de Valdés.
Pasamos tamén por Chapadmalal, un lugar moi pintoresco preto dunha morea de grandes hoteis que a Fundación Eva Perón construiu para dedicar ao chamado turismo social.