Remata un verán estrano, inzado de tantos sobresaltos coma días de sol.
Asoma amodiño un outono que parece que vaia ser o peor das nosas vidas, polo menos no que a perspectivas económicas e sociais se refire.
Medra a carraxe xorda e muda da xente por cada avance da crise que desmantela o noso país, mentres os políticos só saben botar máis leña ao lume e engrosar as listas do paro que parecen medrar en progresión xeométrica.
Pero ao tempo que recortan alegremente por aquí e por alá dereitos dos cidadáns sen lles tremer o pulso, a eses políticos, que non teñen nin idea de como saír desta, ocórrenselles, porén, brilantes ideas como adiantar eleccións, convocar referendums, pensar en independencias...como se todo iso fóra de balde e o único importante sexa non deixar de detentar o mango do garfelo, anque non haxa caldo no pote para levar á boca.
E eu penso, nesta primeira tarde de outono, como podería, co meu pobre voto, pararlles os pés.
Foto de Elisa Fernández.