lunes, 3 de marzo de 2008

O Lé



O Lé chamábase en realidade Manuel, pero ninguén lle chamaba así senón que tivera que falar con el cara a cara. Sempre falabamos del como " O Lé".

Era un home baixo, gordiño, de ombreiros anchos e pernas curtas, entrado nunha idade indefinible entre a madurez e a vellez.

Era de Liñares de Vilafurada, pero coido que moito tempo alí non pasaba, porque o seu oficio tíñao decote polos camiños, de aldea en aldea, acompañado sempre dunha besta na que carretaba unha maleta de madeira, ben atada ó lombo do manso animal.

Cando chegaba á miña aldea, tocaba o chifre para que todos souberan que estaba alí, na Pereira ou na casa de Ferreiro, e desataba a carga con moito coidado, colocando a maleta no chan.
Logo, con agarimo e cerimonia, abría aquela tapa de madeira diante dos ollos abraiados da concorrencia (mulleres e nenos) e amosaba unha por unha as tres bandexas que levaba dentro, onde se ordenaban coidadosamente todo tipo de obxectos necesarios nunha casa por aqueles tempos: carretes de fío, agullas, dedais, tesoiras, cintas de raso ou de nailon de varias cores, navallas, peites, cepillos para o pelo e os dentes, espetas, agullas da lá, etc…
Eu daquela non sabía o que era unha mercería, pero, hoxe que o sei, diría que o Lé era unha mercería ambulante.

Ademais era todo un personaxe, un pícaro simpático e burlón. Facíalles moitas bromas ás mulleres que se rían a gargalladas cos enxeñosos e picantes contos que lles contaba, mentres os nenos mirabamos extasiados aquela sucesión de pequenos compartimentos cheos de obxectos de tódalas cores que nos semellaban prezados tesouros.

Pero o Lé non sempre estaba de bo humor, tiña un xenio levado do demo se lle tocabamos nas cousas sen o seu permiso, e, por iso, tiñamos bo coidado de non meter a man na maleta por ningunha circunstancia a menos que nos mandara el.

Os días de festa, como o de San Bieito, San Pedro, as Neves ou San Cibrán, o Lé cambiaba de maleta e chegaba ó campo da festa coa súa besta cargada de xoguetes que expoñía nun tenderete de madeira, ben á vista de todos.

Alí tiña unha chea de argalladas de plástico (tamén coidadosamente ordenadas) como minúsculos porróns (uns igualiños ós de cristal que poñiamos na mesa o día da mallega e outros coma os de barro que levabamos con auga para o monte no tempo da sega) e muíños de café recheos de anises. Tamén había bolsas de caramelos, paquetes pequenos de galletas Fontaneda, chifres, trompetas e guitarras, bonecas e camións , muíños de papel …

Era o lugar máis visitado da festa porque todos os nenos e nenas arreabamos ós nosos pais da man para que nos mercasen “algo”.
Iso sen contar con que daquela era costume, cando se atopaba a un parente ou amigo cos seus fillos, botar man ó peto e darlles unha moeda (dun peso ou, con moita sorte, de cinco) a cada un.

Pero case ningunha moeda chegaba á casa á noite, todas ían cara Liñares nas alforxas da besta do Lé.

3 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Na actualidade o mercado está cargadiño de plaxiadores de O Lé.
Con novas estratexias de marketing pero mercadorías igual de plastificadas e colocadiñas en rea iguailiño que él facía. Todos seguen tentando a ver se suscitan a necesidade de que alguén lles merque "algo".

(Se eu vivise daquela, seguriño que había ser un Lé)

Un bico!

Zeltia dijo...

Unha ventana aberta a outros tempos, pareceme estalo vendo! está moi ben descrito

Anónimo dijo...

Cando eu era pequena pensaba que sería unha sorte que o Lé morrese no Campo de Quindós perto da miña casa porque así podería quedarme con todas aquelas argalladas , máxicas para min" que gardaba no seu caixón...cousas ás veces macabras das mentes infantís!...neste caso na mente de Sara do Ferreiro