sábado, 29 de noviembre de 2008

Espellos



O ángulo de incidencia é igual ao ángulo de reflexión.
A normal á superficie reflectora e os raios incidente e reflectido están incluídos no mesmo plano...

Saúdos ;-)
Antón.

lunes, 24 de noviembre de 2008

30 ANIVERSARIO

Corría o ano 1978, o mes de novembro xa a piques de rematarse.
O ano da Constitución.

Eran os tempos do destape en España, de estrenos como "Enmanuelle" ou "El último tango en París "que, ata daquela, os españois cruzaban fronteiras para ver en Biarritz.

Aquel ano o canario José Vélez levou o seu "Bailemos un vals" a Eurovisión coa mesma pouca fortuna que os que se mandan agora, anque el era un artista consagrado.

Víamos na tele ( de só dúas canles) "Cañas y Barro", "Yo, Claudio", e "Vacaciones en el Mar", e bailabamos nas discotecas ao son que marcaban Travolta e Newton-John con "Grease", os Bee-Gees eran grupo estrela do momento, e tamén soaba aquel "Cara de gitana" de Daniel Magal, que anos despois cantarían grupos tan dispares como Nocheros e Los Tigres del Norte.

Cruiff deixaba o Barça despois de levalo ao olimpo dos deuses, e realizábase a primeira fecundación "in vitro".

Un ano difícil de esquecer.

Había en Lugo daquela dúas discotecas, ambas desaparecidas hoxe. Unha era "Grilo", un local ao pé da Residencia que ardeu xa fai anos.
Na Grilo tiñamos ao noso Travolta particular, un rapaz ao que lle perdín fai moitos anos a pista, guapo, rubio, e con melena ao estilo Bee Gees.

Os domingos ía coas miñas amigas bailar alí. Alí atopábamos a outros amigos e amigas cos que pasabamos a tarde.

Ó 26 de novembro non estaba a miña curmá, que me acompañaba sempre, e, á saída, un rapaz da Fonsagrada, que me gustaba moito desde facía tempo, acompañoume ata preto da miña casa, anque eran outros tempos e unha rapaza podía andar soa de noite sen perigo.

Cando paramos no cruce, preto do portal, preguntoume, tímidamente, se quería saír con el, e eu, coa boca aberta e o corazón a mil, respondínlle, máis tímida aínda, un sí rápido e baixiño, e despedímonos, moi ledos ambos, "ata mañá" (nada de bicos ata un mes despois)

Saltaba de contenta camiño da casa, agardando atopar á miña curmá para lle contar "o milagre" ;-))

30 anos despois seguimos xuntos, temos dous fillos e pasaronnos moitas cousas, boas e malas, houbo ledicia, tristuras, preocupacións, enfermidades, pelexas e reconciliacións, pero seguimos xuntos e aínda paseamos ás veces collidos da man como na fotografía ;-). Así que para el é este poema que lle escribín fai pouco :

Quenta,
coa tenrura
do teu corpo,
esta fría
pel de cobra
que son eu.

Acende
con bicos amorosos
cada centímetro
de min.

Fai que esqueza,
nesta noite,
as dores de tódalas batallas
e perfuma
co teu alento
o meu mencer.


¿Onde estariades vos daquela ?

(Hay una traducción en comentarios :-))

domingo, 23 de noviembre de 2008

A Coroa






Para Maria Juana Magadán e todos os que saimos de Vilaframil algún día...



A COROA

A Coroa
érguese contra o ceo
no contraluz da tardiña
e pinta de verde,
sobre vermello,
a paisaxe do val.

A Coroa...lúa chea
que baila nas sombras
da Chaila dos Lobos
unha danza ancestral.

Alma inqueda do piñeiral,
morada de mouros
en antigas covas.

Vento que aúla
entre os castiñeiros
de Gaiol e Fargaoso.

Xabaril que foza
nas leiras do estivo,
cortín de cen colmeas,
ouro soterrado,
campá de lenda.

Séculos de pedra
gardan, coas súas murallas,
o sol no teu cume.