Era Nadal e facía frío. Tempo de matanza e de pasar as noites tras do lume da cociña.
A noite de Reis, coincidía cada ano coa festa dos "roxois" na casa de Arango, que estaba a carón da miña, e en todas as da miña memoria había unha espléndida lúa chea que permitía que os nenos saíramos fóra xogar enriba da lama xeada, e nos achegáramos, aló pola medianoite, ata a nosa casa para ver se xa viñeran os Reis...
Por suposto que nunca chegaron tan cedo.
A cea consistía case sempre nun guiso de costelos e patacas seguido dos roxois con cachelos, arroz con leite e freixós (filloas) de sobremesa.
A min non me gustaba o arroz con leite da casa de Arango porque levaba azucre e eu estaba afeita a comelo só cun chisquiño de sal, como se facía daquela en moitas casas.
Despois da cea, os nenos e nenas xogábamos ao escondite. Se estaba mal tempo dentro da casa, polos cuartos e os corredores, e se estaba tempo seco, por fóra, no medio da noite.. Daquela os nenos disfrutabamos dunha liberdade que hoxe non teñen.
Corríamos e corríamos pola Pereira ata que nos rendía o sono.
Cando pasábamos da casa de Arango á Pereira, sempre o facíamos á carreira porque o camiño do Regueiro ( que saía da aldea cara ao monte) semellaba unha boca de lobo, escura e perigosa pola que podía aparecer Recaredo, o noso particupar " home do saco", que máis tarde resultou ser un daqueles fuxidos que se " botaran ao monte" trala guerra.
Correr espantábanos o medo.
Os adultos, mentres, xogaban ao julepe e o subastado, ás veces ata que clarexaba o novo día. Apostaban cartos, pero só moeda pequena (non había para apostas fortes). Isto diferenciaba os días das festas dos días correntes de polavila nos que xogaban ao tute, a brisca ou á escoba sen apostar.
Pasada a noite, pola mañá cedo, tremendo de frío naqueles cuartos sen máis calefacción que as vacas que había debaixo, na corte, corríamos á ventá onde deixáramos os zoquiños ou as zapatillas a noite antes para descubrir abraiados o que trouxeran os reis.
A pesar da pobreza, non lembro que nunca estiveran baleiros de todo.
O resto do día paseabamos polos camiños facendo ou respostando a pregunta obrigada : ¿ E a ti, que che trouxeron os Reis ?
A memoria destes días e noites felices da infancia revive cada Nadal. Non quixera perdela nunca.
E hoxe quixera compartila especialmente con todos aqueles nenos e nenas de Villaframil cos que os vivín.
10 comentarios:
Semella outro mundo xa. Pero unha cousa é certa: a ilusión pervive nos nenos. Niso creo que non se diferencian moito. A ilusión, sempre, nos nenos. Neles a resiliencia, esa palabra descuberta por min hai poucos anos e que tan boa me parece.
É outro mundo, sí. Había falta de todo nas casas. Pero tes razón, gracias a iso saímos máis fortes e con temple para enfrontarnos á vida.
Apertas.
Faltaban moitas cousas pero éramos uns nenos felices. Xogábamos moito fora da casa co cal a aventura estaba case garantizada, :)
Un pracer lerte.
Feliz Ano 2015!!
Voy pensando que solo la memoria hace posible vivir la Navidad.
Besos. Y Feliz Año.
Que claro todo aún y tan lejano. Ese antiguo niño nuestro no envejece verdad? Feliz Año nuevo
Nunca puiden cos roxós. Nin revoltos na tixola con pan e azucre, nin prensados e cortados coma xamón. Pero sí que teño lembranzas ledas daqueles tempos, si...
Un 2015 feliz, Cuspe!
Que tempos e que lembranzas!! Daquela o mundo era máis sinxelo, máis feliz, e a ilusión enchoupábao todo!!
Feliz 2015!!
Preciosas memorias, algo que jamás debiéramos perder. Esa noche mágica de reyes era la noche de la inocencia o de la picardía, pero siempre fantástica.
¿Sabes? Todo en gallego suena mucho mejor.
Yo también prefiero el arroz con leche con una pizca de sal, laurel y corteza de limón.
Un bico
· LMA · & · CR ·
Tus recuerdos me traen otros muy similares, aunque ubicados en otro contexto geográfico.
Gracias por provocar nostalgias positivas.
Un abrazo
A miña infancia non foi na aldea que foi na cidade e non hai zocos pero tiña a ilusión aquela de que me trouxeran o que pedía e algo caía sempre.
Espero que este ano os Reis se portaran ben contigo.
Publicar un comentario