jueves, 31 de diciembre de 2020

 

Por fin rematou o Nadal. Diredes que aínda falta a noite de Reis, pero nos este ano xa a celebramos en Noiteboa.

 Non é que sexamos máis partidarios de costumes alleas coma o Papá Noel, non!. É que os peches perimetrais non ían permitirnos celebrar xuntos os Reis o día 6 de xaneiro, así que pasámolos para Noiteboa, que estabamos os catro.

Estamos afeitos a estes cambios na miña familia. Na casa de meus pais o día dos agasallos era a Noitevella, data na que nos xuntabamos todos, pais, fillos e netos. Era o aniversario do casamento dos vellos, e celebrámolo moitos anos ao grande, ata que faltou meu pai.

Así que para min, o Nadal 2020 está clausurado. E, coma sempre, cunha mistura de sentimentos de alivio e tristeza.

Desde fai uns anos non me gusta o Nadal, como a moitos que imos tendo unha idade. Ata o ano pasado, aínda tiña certo interese preparar no colexio o festival de Nadal, decorar as aulas, aprender panxoliñas...pero este ano xa nin iso. Puxen unha árbore nunha esquina do salón, pero xa estou desexando quitala e volver á normalidade...

Á "normalidade" !! Que ilusa !! Aínda a ver cantos meses, ou anos, faltan para iso. 

Onte estiven en Lugo. Facía meses que non ía. Déronme medo as rúas cheas de xente, deume medo entrar a un bar pedir un bocadillo para levar, deume medo ir cortar o pelo a pesar de todas as medidas escrupulosamente cumpridas.

Vivo con medo. 

Vivimos con medo.

Por iso, o primeiro día que poida ir vacinarme, irei correndo.



martes, 26 de febrero de 2019

A vida

Unha sebe, tres anos,





Un can, tres sebes,


Unha besta, tres cans,




Un home, tres bestas.

miércoles, 1 de febrero de 2017

Febreiro outra vez

Case dous anos sen publicar nada aquí...
Pasaron moitas cousas desde aquela: Morreu o meu pai, miña nai esbarou un pouco máis pola costa abaixo do alzheimer,  e todos nós, ata os máis noviños da familia,  parecemos  envellecer anos de repente.
Aínda así tamén hai cousas boas, os fillos que che siguen traendo ledicias e siguen tirando de ti cara o futuro, a familia que te arroupa e te acompaña, máis presente que nunca,  os amigos  e as compañeiras/os, sempre discretamente ahí, a carón...
Négome a darme por vencida e sigo coa esperanza de poder revivir algún día esta bitácora abandonada polo momento, pero para iso preciso algo que por agora non teño: tempo...


Quería  unha foto aquí e decidín que esta é a axeitada. Atravesar esa zona xeada e branca  mentres arredor todo semella sol e color. ¿Algún día volverá a primavera?