domingo, 22 de junio de 2008

O conto do zapateiro



Emilio era un home pequeno, fraco, de idade indefinida, sempre coas barbas cinsentas apuntando nas meixelas.
Casara, xa non moi novo, cunha muller de Vilaframil e foran vivir a unha casoupa pequena , vella e algo embarrigada que chaman a casa da Caseira, no medio da aldea.
El era zapateiro e tiña o taller, cheo de anacos de coiro e zapatos vellos, no baixo da casa, onde tamén tiñan unha corte para a única vaca.
Ela era costureira, cosía no cuarto, que era tamén único, pero espacioso, e tiña a pequena máquina preto da ventá, onda a súa cama.
Aparte de costureira era moi boa cociñeira e por iso, sempre que había voda ou algunha festa importante, chamábana de todas as casas para dirixir os labores da cociña.
Ela era unha muller enxoita a que lembro sempre vestida con moita pulcritude e roupa escura. A pesar do seu aspecto austero e serio, era falangueira e sempre atopaba conversación.
Pola contra, Emilio era un home calado do que moi pouco se sabía, sempre co cigarro case apagado colgando do canto dos beizos.

Contan que un día, Emilio tiña que ir aos roxóns á casa da súa irmá, que vivía na aldea veciña de Vilardíaz, separada da súa polo castiñeiral de Fargaoso e o río.

Para atallar, en vez de seguir a nova estrada , meteuse por un carreiro cheo de silvas e de toxos, que baixaba ao río polo medio do souto.
Marchou case de noite, no escurecer de inverno, con idea de quedar alí a durmir e volver ao día seguinte. Apañouno a noite antes de chegar ao castiñeiral.
Baixaba tranquilo por baixo da espesura das árbores, pensando nas cousas da súa vida, cando escoitou berros na outra banda do río, alá enfronte, no lado de Vilardíaz.

Parou e escoitou. O tempo detívose canda el. Un xemido que parecía de voz de muller chegáballe co vento:
- ¡ Emiiiilioooooo, Emiiiilioooooo ! Aiiiii, Emiliooooo!
A pesar de que un calafrío lle percorría o espiñazo, sacou peito e respondeu :
- ¿Queeeeeeeee ? ¿Que queeeerees?
Pero quen queira que fose pareceu non escoitalo e volveu a berrar :
-¡ Emiiiiilioooooo ! ¡ Emiiiilioooooo ! Aiiiii, Emilioooo!
Outra vez Emilio respondeu con todas as forzas que puido atopar:
- ¡ Queeeeeeeeeeee ! ¿Queeeen éeeees? ¿Que queeeereeeees ?
Pero outra vez a voz do outro lado seguiu sen escoitalo e volveu a berrar moitas veces , cada vez máis abaixo e máis preto do río e del.

Por máis que Emilio intentaba tranquilizarse, un medo frío e inmenso comezou a prenderlle as pernas ás silveiras do camiño e de súpeto pegou a volta e comezou a correr monte arriba, sen tino e sen seguir o carreiro, que xa non vían os seus ollos aterrorizados. Un medo antigo espantábao e impulsábao a seguir correndo malia que se arrolou varias veces entre os toxos e na lama.
Así e todo, cando chegou á Bouza, o lamento escoitábase máis lonxe e pasado o Estivo de Castro xa deixou de oílo, pero aínda así seguiu correndo cara a casa , a onde chegou sen fala , todo rabuñado.
A muller, que xa estaba na cama, alporizouse toda cando o viu chegar así, pero el, que non sabía como explicarlle o que pasara , inventou un encontro co xabaril no castiñeiral, para que deixara de facer preguntas.

Pola mañá, a primeira hora, un home de Vilardíaz que ía cara a Fonsagrada, parou na súa casa para dicirlle que aquela mesma noite, a súa irmá caera, de súpeto, ao chan da cociña e morrera a iso das oito e media, cando preparaba a cea dos roxóns.

Daquela Emilio soubo quen berraba por el en Fargaoso.

( A foto do zapateiro é xentileza de "Emigrante sen destino" http://www.emigrantesindestino.com/
¡Graciasssss
!)

16 comentarios:

Zeltia dijo...

ay, a naiquetedou! e agora teño que ir para a cama, e o pasillo é longo e dúrmoche soa! jajaja
Esta historia tua tan ben contada, recordame os contos que escoitaba de nena, que despois me aterrorizaban e me facían ver aparecidos nas sombras do camiño, cando o cerrar a noite entra o misterio a pousarse no mundo, e veñen eses medos atávicos contra os que non é doado loitar, mesmo as que non cren en fantasmas coma min jajaja.

Zeltia dijo...

Por certo, tés unha hora rara, ue me saen as cinco e media e sonche as duas e media da mañan.

Cuspedepita dijo...

Diso se trataba, Zeltia. Dos contos que escoitei de nena e do meu amor por D. Anxel Fole... ¡Quen me dera saber contalos coma el !

Cuspedepita dijo...

Agora arranxo o da hora. Gracias por avisar, nin me dera conta.

paideleo dijo...

Pois a min tamén me meteches un pouco de medo e ata esa historia me soa en outra versión.
Gustoume sentir medo deste xeito tan maxistral.

Ah, o dos exames en Culleredo vai pola miña dona que anda niso e quería desexarlle sorte sen que se enteirase muita xente.

Un saúdo para todos.

Chousa da Alcandra dijo...

Un zapateiro tiña o seu taller remendón no baixo da casa na que pasei a miña segunda infancia. Gustábame ir para alí para que, precisamente él, me contase contos coma este que ti contas. Mentras cosía o coiro e lles botaba unhas "biqueiras" a unhas botas "Gorila"...tempos aqueles!

Chuchos

Pedro Ojeda Escudero. dijo...

Historia llena de tradición y magia.

busto.agolada dijo...

Fermoso conto e moi ben narrado. Lémbrame o estilo de Ánxel Fole. O emprego dos topónimos faino especialmente interesante.
E tamén hai un feito que me lembra a dous amigos que foran en zodiac polo río Arnego desde a Ponte Vilariño ata a Ponte Carmoega. Botóuselles a noite chegando ao Sobreiral e tiveron que abandonar a zodiac á beira do río e buscar a primeira poboación (Paradela, na cima do Sobreiral).Como non deran co camiño, foron monte arroba tripando toxos, fentos e silvas. Chegaron ensanguentados e todos rabuñados. Niso paréceseme a unha parte da túa historia.
Unha aperta, Marisa.

L&M dijo...

ai va! meu avó era zapateiro, tiña a banquilla na casa (o obradoiro) e unha noite apareceu-lhe seu irmam que morrera em cuba essa tarde...

APÁTRIDA dijo...

Nos lugares de traballo dos zapateiros, dos barbeiros xurdiron sempre fermosas historias, anque as veces aproveitabase para facerlle un traxe os veciños.
Un conto moi ben contado.
Parabens

12 Lúas dijo...

Gracias por facerme recordar aqueles momentos que un arranxaba os zapatos indo ó zapateiro. E un mentres esperaba comezaba a ollar tódalas cousas que aquel home tiña: cordóns, zapatos vellos, suelas, e unha multitude de ferros que nadie sabia para que servían. ö fondo un podía escoitar o zapateiro co seu rechiar da máquina ...

Silvana dijo...

Gustoume o conto. Unha chamada post-morten, non está nada mal. Gústame a descripción da casa, é moi boa e a dos lugares.

Un saudiño.

O Raposo dijo...

Parabens por este conto narrado dunha forma ben natural e amena.
Creo que hai un fondo de verdade nestas historias: entre as persoas que se queren ben (irmáns, nai e fillo, etc) hai unha íntima conexión, por enriba de tempo e da distancia, que se manifesta nos momentos críticos, en caso de moita dor ou de morte por exemplo.
Apertas.

d´Agolada dijo...

Aquí en Agolada, tamén temos un zapateiro moi bo jeje. Bicos

Mariola dijo...

Marisa. Que conto tan fermoso... Que vencello tan forte nos une aos nosos seres queridos, non si?

Eu creo que tamén serei capaz de voltar e darlle un bico a todos e a todas para que soubesen que estou ben, cando morra.

Pero, de momento, confórmome con dárvolos mentres estou viva.

latorredelossueños esmeralda dijo...

Ainda teño de punta os vellos dos brazos.....A verdade é que teñen razon os que comentaban que recordan os contes e lendas de nenos que nos narraban os avos. ¿E sabes?, e curioso, eu teño unha historia semellante, que me contaba "papa Pedro", o meu avo materno, en Malaga. Quizais, él mesmo a recolleu dos seus avos...non te imaxinas eran Galegos.
Por certo teño que leer algo de Angel Fole é unha vergoña non ter leido nada del....
Bicos grandes