domingo, 8 de junio de 2008

A casa de Gutiérrez





Este é un cadro que pintou o meu curmán Alejandro Gutiérrez .

É o que lle quedou na retina da primeira vez que viu a casa na que naceron os nosos avós, que eran irmáns. Pintouno de memoria, de volta á Arxentina, pero é tan exacto coma unha fotografía.
O seu avó chamábase Maximino e emigrou a Bos Aires despois de facer o servizo militar.

Mentres o facía, coñeceu unha rapaza da Coruña, da que se namorou, e, como na casa lles pareceu que unha señoritiña de cidade non faría boa labradora, non lla quixeron por muller.

Pero el, que era igual de cacholán ca todos os da nosa "raza", decidiu marchar da casa e facer os dous as Américas.

Anos máis tarde, xa instalado en Lanús, e nacidos tres fillos, enviuvou e volveu a casar cunha rapaciña da súa mesma aldea, que tamén emigrara, e tivo un fillo máis, do que nacería, no futuro, o meu curmán.

Co paso do tempo perdeuse o contacto entre as dúas partes da familia, ata que Alejandro quixo coñecer as súas raíces, camiñar os lugares dos que procedía o seu sangue galego, saber do pasado, recoñecerse de algunha maneira nas facianas dos que levabamos o mesmo sangue a 10.000 km. de distancia.

Por sorte, as novas tecnoloxías ofrecen agora infindas posibilidades, axiña conseguiu o teléfono dun dos familiares que tiña aquí, un gaiteiro falador e con moi boa memoria, que lle contou moitas cousas e me puxo en contacto con el.

No ano 2005, poucos meses despois disto, acompañei ao meu curmán nun emocionante reencontro coa nosa xente, a aldea dos avós, a súa casa...

Esta foi a súa primeira ollada emocionada a esa especie de útero materno que é o fogar.

Con el aprendín a recoñecer, eu tamén, as características comúns da nosa familia que permanecen : a forma dos ombreiros e das pernas, as canas abundantes desde novo, o carácter indómito e decidido, o humor e o gusto polas bromas, o olfato fino...
Tamén aprendín a valorar moitas das cousas que teño arredor e ás que igual non daba o aprezo que merecían.

Este verán serei eu quen vaia coñecer á miña familia de alá, e el será o meu guía polos camiños que o noso sangue abriu en América.

Medio século despois a familia volve a estar unida.

10 comentarios:

paideleo dijo...

É bonito reencontrarse con familia lonxana na distancia e no tempo anque eu teño a miña familia cerca ( máis ou menos ).
Que teñas unha boa estadía por terras americanas.

quenindiola dijo...

Que ben. De verdade, que ben. Menos mal que hai xente que transmite as cousas así de ben. E refírome ó cariño co que escribiches esta historia. Ti non o sabes pero con estas liñas xa me fixeches sentir ben nun momento en que estaba mal. Viva a túa estirpe!

quenindiola dijo...

Por certo, o cadro tamén transmite os sentimentos moi ben. Que iso é a arte: transmitir sentimentos por medio das nosas habilidades.

Anónimo dijo...

Unha historia fermosa que fala da forza do amor.

Recoñecemento, entrega desinteresada, apertura do corazón, agarimo, comprensión, sensibilidade, búsqueda da identidade... moitas veces estas verbas semellan extrañas no século XXI que temos para vivir.

Unha aperta para os curmáns do corazón e para os amigos que len estas liñas.

Antón de Muros.
Dende o outono de Bos Aires

Mararía dijo...

O reencontro ca familia é maravilloso.

Chamoume atención do cadro o ceo pintado en vertical.

Un saúdo.

Anónimo dijo...

É unha desas historias das que un envexa non ser protagonista porque quen máis e quen menos perdeu o rastro dalguén alá polas americas, aínda que a vida é moi longa e nunca se sabe.

Noraboa!

busto.agolada dijo...

É moi fermoso o reencontro con esa familia que habita na diáspora e máis se estampa ese amor nun cadro que é un compendio de memoria e de cores.
Seguro que a trevés do blog establecedes novos vínculos. Feliz estadía polas Pampas e Patagonias.
Unha aperta para vos os tres.

Anónimo dijo...

Me parece muy emotivo todo eso. Ya sé que según lo atrás que vayamos en nuestros ancestros todos estamos emparentados, y que eso de la "sangre" es bastante milonga, pero... tiene ese romanticismo que confiere el ver esa misma mancha, o ese mechón de canas, o el color de los ojos, la forma de la mano...
Hace poco estuvieron aquí familiares de Venezuela. Al principio pensé que coñazo no me apetecía nada hacer de "cicerone", pero a los dos días, me encontraba contando entusiasmada todas las anécdotas qeu yo conocía a través de mi madre, y veía aquellas adolescentes con mezcla de alguna etnia aborígen en sus rasgos, y aún así me reconocía en ellas, era como un homenaje a ellos, los que vivieron antes de nosotros, los que continuaron la cadena, como ahora te pasará a tí, imagino.
Un abrazo de parentesco (que seguro que somos parientes;-) )

Chousa da Alcandra dijo...

Este tipo de anécdotas, contadas coa tua maestría, fan rebechar o interior. Por iso quenindiola expresou moi ben a emoción que nos fixeches sentir a todos.

Que disfrutes desa viaxe!

Anónimo dijo...

Agora xa entendo un pouquiño mais de ti.
FErmosa historia, a vida e tan real como os contos e historias dos libros.....Todo o que alguen foi capaz de maxinar algunha vez, estou certo de que algunha vez alguen o viviu.....