Baixas da dor de vivir
á soidade de vexetar.
Camiñas sendeiros de celos
e morres por unha verba agarimosa,
unha intención,
un xesto gratis de tenrura.
Buscas alguén que entenda de desenganos,
de pecados por cometer,
de desacougos, de imaxes imposibles
en cidades morriñentas sen futuro.
E remata o tempo concedido para pensar,
e volves, de novo,
a subirte á humidade e á friaxe
da neboenta tardiña do desamor.
Tes desesperación por facerte dona
do teu mundo e da túa propia vida.
Pechas logo os ollos, e adormeces
nunha inquedanza sen descanso.
No teu leito non hai lenes plumas
que acouguen os saloucos do teu pranto.
2 comentarios:
Moitas mulleres (tamén homes, claro, pero eu identifícome máis co meu xénero) viven nunha situación coma a que creo que conseguín facer sentir con este poema.
As palabras clave son: celos, soidade, pecados por cometer, desengano, desamor.
Cando a vida se convirte nun pesadelo do que só se pode fuxir por pequenos espazos de tempo ("tempo fóra")
nada mellor que a poesía para entrelazar emocións cas palabras.
Tamén penso que a atmósfera de desamor e soedade é común a homes e mulleres. poida que as mulleres falemos mais delas, poida que a nós non nos pareza unha vergoña devecer por alguén que mira para outro lado, ou o que é peor: mira para nós, e pode haber desexo, paixón, complicidade, pero esa mirada non ten o que quereriamos que tivera...
Supoño que ó longo da vida, ás veces estamos dun lado da mirada, e outras... do outro.
¿e lojo que dixen? nin eu misma entendo o que escribín ainda que sí o que quixen dicir. Estou espesa a esta hora xa.
Publicar un comentario