Pola noite espertamos coa inconfundible ruxida da neve esvarando lousado abaixo e caendo con estrépito, así que, antes de ver a inmensa claridade que asolaga o cuarto en canto amence, xa sabíamos que había nevarada.
A neve, coma os pementos de Padrón, proporciona sempre tema de conversa, na maior parte dos casos para lembrar outras anteriores e os acontecementos a que deron lugar.
Sempre lembro a primeira vez que escoitei dicir a unha muller de San Román de Cervantes, que "a neve é unha gran prisión". Para a xente que non pelexa con ela nada máis que por pracer, esta afirmación soará case a sacrilexio, pero, para a xente que vive máis arriba da cota dos 900-1000 m. e convive con ela varias semanas, ou meses, cada ano, é unha afirmación abondo rigurosa coa verdade. A xente da montaña pasaba semanas presa dentro das súas casas ou da súa aldea, moitas veces con pouco que comer para a xente e menos aínda para o gando, porque os pasteiros e as brañas estaban cubertos, sempre co medo a unha enfermidade grave, a un accidente que precisara unha atención médica urxente que sería imposible acadar mentres a neve non deixara limpos os camiños.
Agora cambiou todo isto, sobre todo nos lugares que están preto de estradas importantes, pero aínda hai horas e días en que se fai complicado conducir por certos portos e, en máis pequena escala, a comparación da neve coa prisión segue sendo certa.
5 comentarios:
Aquí, donde non existe, e unha cousa maravillosa, igual que pra os da montaña o mar, supoño.
a neve demostra a capacidade de adaptación e resistencia das nosas xentes, neve tamén é o asolagamento das leiras polos embalses, a cota láctea. si, sabemos vivir no interior dunha prisión e por iso o noso ser nunca se perderá.
a neve e unha marabilla sempre branca, aquí en Agolada tamén nevou, e bastante só tes que ver a última entrada do meu blog, www.asbeirasdoarnego.blogspot.com
grazas por agregarme a favoritos. eu teño que actualizar a lista.
E fácil de comprender a comparación. Agás os nenos e a xente nova para os seus xogos, durante moitos siglos a neve foi algo que cercaba e illaba e invadía.
Agora hai estradas boas, teléfonos, helicópteros. Practicasen deportes coma o esquí, snowboard, etc. pero como tí dis: son outros tempos
Supoño que a miña visión da neve é máis "romántica" que os que sodes da montaña. Gústame despertar pola mañanciña e atopar todo nevado. E ir facendo camiño sobre a neve virxe...
Publicar un comentario