domingo, 30 de marzo de 2008

Un paraiso

El é un home grande, cincuentón, de tez queimada pola vida á intemperie e ollos vivos e intelixentes , sempre riseiro e co cabelo longo, desgreñado, atado nunha coleta atrás.
Vintecinco anos antes decidiu que quería vivir doutro xeito.
Rematada a súa carreira coas mellores cualificacións, percorreu moitos lugares, descubrindo que “o sistema” non era o seu. Non quería vivir a súa vida traballando ás ordes de ninguén para pagar o piso e o coche. Quería ser libre, inventar un novo modo de liberdade.
De volta a Galicia, percorreu varias provincias e nunha delas atopou un paraíso. Era un lugar deshabitado, que fora abandonado polos seus habitantes tras a construción dun encoro que os deixou totalmente incomunicados, xa que a auga asolagou os pobos á beira do río, os camiños, as estradas e as pontes, e a empresa construtora da presa, que prometera repoñelos, fíxose a sueca e nunca cumpriu, obrigando ás xentes ao exilio.
O outro lado”, como se coñecía aquela zona desde a beira comunicada, era o lugar idóneo para vivir o seu soño de liberdade: Había varias aldeas, con casas aínda en bo estado, cortes, prados, hortas e viñas que se poderían recuperar.
Un paisano da zona que coñecía aquilo como a palma da man porque estivera fuxido despois da guerra, agochado naqueles montes, serviulle de guía e contoulle todos os segredos daquelas paraxes, converténdose no seu mellor amigo.
Volveu á cidade cheo de ilusión e entre as súas amizades bohemias recrutou aos primeiros habitantes de “A Comuna”.
Eran un grupo variado chegado de distintos lugares e cun ideal común: Vivir na natureza en completa liberdade, compartíndoo todo: a casa, o alimento, o amor e os fillos.
Acabados de chegar deberon aprender a cultivar a terra coas súas mans, fabricando as súas propias ferramentas, e a sobrevivir sen ningunha das comodidades a que viñan afeitos, sen auga nin luz nas casas.
No verán andaban espidos e bañábanse nas frías augas do encoro, e todo parecía máis doado, pero o inverno era longo, chuvioso e frío e ás veces escaseaban os alimentos, e aínda así considerabanse felices por vivir unha vida auténtica, por seren capaces de sobrevivir co mínimo, e gozar de longos faladoiros ao redor do lume, ou do sexo sen ningún tipo de ataduras ou sentimentos de posesión.
Mentres tanto correron as novas da existencia do lugar e foron aparecendo novas xentes atraídas pola vida no paraíso, xentes doutros países, con outros idiomas e outras culturas que se foron quedando alí tamén.
Na outra beira, así e todo, a Comuna representaba todo o que se consideraba deplorable: Os comuneiros vestían mal, ían coa roupa sucia, vella, o pelo longo, as mans mouras, fumaban marihuana, practicaban o amor libre, e non se sabía sequera de quen eran os fillos. Non había case relación con eles, excepto cando viñan comprar o imprescindible...

E pasaron os anos e uns fóronse e outros chegaron, pero cada ano que pasaba a idea primitiva diluíase cada vez máis e os novos habitantes empezaron a ser xentes marxinadas na sociedade que buscaban un lugar onde non pagar piso, nin auga nin luz.
Outros tipos de drogas empezaron a circular, mentres algúns se dedicaban a cultivar maría para vendela e sacar uns cartos.
Ademais os novos apropiábanse aos poucos de anaquiños de Comuna, cada un quixo ter a súa casa, a súa muller ou o seu home, os seus fillos, e non compartían nada, nin sequera a canoa para cruzar o encoro e pasar ao pobo a emborracharse ata caer de cú .
E daquela, os primeiros comuneiros, xa cincuentóns, foron empezando a marchar, coa escusa dos estudos dos fillos a maioría, e buscaron un fogar e un futuro naquel sistema que decidiran abandonar na mocidade.
Só dous ou tres decidiron quedar,entre eles el, que non soportaba aquel “lixo humano” que tiña agora por veciñanza e foise ao monte coas súas cabras, mentres a muller que o acompañara nos últimos anos e lle dera dous novos fillos marchaba tamén á civilización para ofrecerlles un futuro.
Quedou só nos cumios que se levantaban sobre o seu paraíso, cos seus cans...
Un día unha cadea de televisión gravoulle unha entrevista para un programa e el contou a súa vida, para acabar recoñecendo, coa cabeza baixa e a alma encollida pola nostalxia, que si, que efectivamente, fora unha inxenuidade pola súa banda aquela aventura.

14 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Contaches con ben xeito esa historia da "Comuna". Hai moito "comuneiro" que se lle gravasen unha entrevista tería que recoñecer erros cometidos.

Coido que a vida é unha roda que, como tal, vai xirando e a parte que lle toca estar en contacto co chan ten que soportar o peso precisamente cando lle toca.

asbeirasdoarnego dijo...

tes boas palabras para contar esta historia, foi un relato francamente moi interesante doulle a razón a chousa

A lareira de Santiso dijo...

Gustome moito o relato e o xeito no que o contas. O final déixame triste,.. ao final sempre hai un pero.
Apertas

paideleo dijo...

Non sei se foi unha historia real pero anque triste é bonita.
Un saúdo.

Chousa da Alcandra dijo...

Tan certa, paideleo, como que Negueira de Muñiz é un concello da montaña luguesa...

Cuspedepita dijo...

Pois si,Paideleo, ten razón Chousa, a historia escribina fai uns 5 anos, sobre un personaxe real e u feito real.
Escribina porque me impresionou escoitarlle a frase coa que remato a historia, e pesando sobre ela intentei poñerme na súa pel e resumir o proceso que puido levalo a tal conclusión.
Non sei se acertei ou non, o que escribin é o que eu penso que puido pasarlle pola cabeza.

Por certo, hai dúas obras de Jaureguizar que están ambientadas na Comuna: "Casa Skylab" e " A Cova das vacas mortas"

Cuspedepita dijo...

Chousa, creo que todos podemos volver a vista atrás e atopar cousas na nosa vida que consideremos coma el "unha inxenuidade pola nosa parte". O que me impresionou é que, esta vez, esa inxenuidade levouno a cambiar o rumbo de toda a súa vida.

Cuspedepita dijo...

Vanesa, si, tamén me pareceu triste a min, que, desde máis ou menos lonxe, segundo a época, fun observadora.
De todas maneiras, creo que reflictín unha visión algo "romántica" da Comuna, como creo que podía tela este personaxe no seu momento

Paz Zeltia dijo...

Esa visión un tanto romántica era o que che ía dicir eu, alédame que o digas tí mesma -que xa me fode ser sempre a que lle bota vinagre a fantasía-
Nun existen os paraísos -agás os fiscais- somentes no maxín de quen cré neles, pero cando se tentan facer realidades chocan precisamente con iso: ca realidade e a condición humana, que vai dende a nobreza mais xenerosa nalgúns momentos ata a ruindade. E todos, todos, só falta estares no sitio oportuno no momento adecuado. Tanto para para o primeiro, coma para o segundo.
Outra cousa é que teñamos a vara de medir mais curta para os mais que para nós mesmos.
Así e todo, que sería deste mundo sin os creadores de soños e coa coraxe suficiente para poñelos na práctica.

Cuspedepita dijo...

Asegúroche que teño outra visón moito máis realista de todo isto, Zeltia, pero tes razón, os soñadores moven o mundo, ninguén sen ilusión e coraxe fai nada máis que sobrevivir ou deixarse morrer.

d´Agolada dijo...

Mira, xusto che ía recomendar o libro - A cova das vacas mortas- xa que che interesa este tema pero xa vin polos comentarios que o coñeces, a verdade é que o libro está moi ben, sobre todo gustoume a parte na que comezan a chegar os antigos propietarios das casas e os comuneiros resístense a marchar, é un libro que relata moi ben a vida nas comunas galegas. Moi bonita a historia, moi ben contada aínda que algo triste. Saúdos.

Raposo dijo...

Nada é eterno, nin os imperios nin as estrelas, e por suposto tampouco unha comuna. Todo ten data de caducidade.
Pero si por un tempo un se sente a gusto co que está facendo penso que xa valeu a pena, aínda que mais tarde veñan mal dadas.
Ademais que sería do mundo sen estes arrebatos inxenuos e románticos.
Apertas.

Anónimo dijo...

Eu lin "Casa Skylab", está moi ben. É un libro moi bo e o seu autor é moi cuco.
Gracias a Jaureguizar teño unha idea da "Fisterra oriental galega" ;-)

Saúdos dende Bos Aires.

Antón.

torredebabel dijo...

tan real é a realidade como as maneiras de contala. De feito, ben mirado, a realidade non é mais que a suma das historias que dela contamos. Como esta.