martes, 12 de agosto de 2008

Arxentina 1


Como non sei por onde comezar, polo momento copiarei aquí notas que fun escribindo na viaxe e despois irei deixando fotos e as historias que o meu curmán, moi bo guía, me foi contando sobre os distintos lugares que visitamos, que non foron moitos porque demos preferencia a ver a familiares e amigos, e os días de inverno non dan para moito tampouco no hemisferio sur.
Aínda así, foi unha viaxe que non esquecerei por máis anos que viva.

12 HORAS NO AVIÓN
24 de Xullo de 2008- 11:00 (hora arxentina)

Xa estamos voando.
Erguémonos ás 4,30 da madrugada ( na Arxentina 23:30, aínda non se deitaran )
Case non durmimos porque estabamos moi nerviosos. Creo que como moito serían 3 horas de sono, pero suficiente para resistir un día enteiro de viaxe (22 horas entre A Proba e La Plata)
Ás cinco e media saímos para Compostela e de alá a Madrid.
En Barajas agardábannos os longos corredores da T4 e da T4S, ascensores, tren automático, filas interminables nos controis. Chegamos xusto a tempo ao embarque para Bos Aires.
Xa a punto de despegar, a noite sen durmir e os nervios dos días pasados pásanlle factura á miña filla. Por sorte, unha vez que o avión despegou foise calmando e estivo ben o resto da viaxe. O meu home viaxaba con lumbalxia, así que todos desexábamos estar xa alá, aínda antes de despegar.
Eu síntome feliz. Por fin vou ver cumprido un soño de anos.
Do xantar de Iberia non imos falar ;-)
Uns cantos asentos detrás de nós viaxa Florentino Fernández, o humorista. Ten cara de aburrido.

13:00

O tempo pasa tan lento que se fai insoportable. Vai moita calor e érgome a miúdo para ir ao baño botar auga á cara, lavar as mans, dar un paseo polo corredor. Procuro levar as cousas recollidas para que o ar circule, pero aínda así teño moita calor. A manta que nos dan chegará a Bos Aires metida no seu plástico.
Cando consigo prender o sono parece que durmín unha eternidade, pero miro o reloxo e... só pasaron 10 minutos !
Con todo imos pasando o ecuador da viaxe. Non podo crer que vaian xa seis horas fóra. Aínda quedan outras seis. Supoño que é cuestión de paciencia, paciencia, paciencia...
No baño atopo unha muller que viaxa desde Santiago. É simpática. Mágoa que vaia unhas cantas filas máis adiante.
Flo dorme :-)
Elisa dorme tamén e acomódolle a cachola que lle colga de cando en vez, e eu escribo mentres escoito nos auriculares unha película de Demi Moore.

15:00

Vai pasando o tempo.
Xogo con Elisa na DS. Facemos un test de idade cerebral e sáeme que teño 67 anos ;-) a primeira vez. Repito e consigo rebaixar ata 63 :-)
Facemos sudokus a medias e xogamos a escribir letras no teito do avión co reflexo das esferas dos reloxos e a adiviñar as palabras que a outra escribe.
O tempo pasa mellor así. Sigo erguéndome de cando en vez, anque agora vai menos calor e ir descontando horas anima un pouco. Se penso na chegada sinto os nervios premer o estómago. Preocúpanme as maletas, o aeroporto descoñecido, os trámites de migracións...
A xente vai máis tranquila e o avión segue ás escuras coma case toda a viaxe. De cando en vez alguén ergue un pouco a cortina e vese a luz vermella da tarde, pero volven a pechar, non entendo para qué.
Tárdame a saír desta cova e ver a luz do día, pero cando cheguemos a Ezeiza será de noite.

20:45




Chegamos a Ezeiza e todo se soluciona axiña. Os trámites son sinxelos e no aeroporto non miran nada. Só pasan as maletas polo escaner e listo.
Quedo abraiada porque Ezeiza se pareza máis a Santiago ca Barajas. É un aeroporto pequeno para unha cidade tan grande.
Para recoller a equipaxe pasamos entre os estantes das tendas do aeroporto.

Cambio a moeda e saímos. Detrás dos cristais vemos aos meus familiares facendo acenos e saímos axiña para recibir apertas e bicos. Algunhas bágoas tamén :-)
Busco entre a xente ao meu amigo Adrián, que ía estar no aeroporto e véxoo vir medio despistado. Corro cara el para darlle unha aperta. Fai seis anos que ambos agardamos ese momento. Súa nai, descendente de galegos de Vimianzo, dáme unha longa aperta.

Despois saímos e soa o teléfono. É Antón, un galego de Muros, ao que xa coñecedes, que me da a benvida :-)

Síntome feliz de estar en Bos Aires. Non noto o cansazo nin o sono ata que chegamos á casa do meu curmán.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

12 horas ó fin e o cabo venche sendo medio día que se perde moitas veces tontamente. A cousa merecíao. Agardo máis fotos e máis contos.

LM dijo...

isto promete...fiquei com vontade de mais.beijos

ML dijo...

que comezo do relato! agora tes un problema, cuspedepita: manter a altura.

pero buenos aires dá de si, ben cho sei eu. que envexa, mimá!

a nós este ano buenos aires vén a vernos :-) así que a viaxe familiar aínda terá que agardar.

Paz Zeltia dijo...

mi madriña, sí que se debe facer longo, sobre todo sin durmir.
Agora mismo teño duas amigas en Buenos Aires, que marcharon hai uns dias e iban, sobre todo unha, acjonaítas por tantas horas de vuelo, sin embargo cuando llamaron me dijeron como tú, que parecía que el cansancio se desvaneciera con la alegría de llegar.
Claro que no tenían la carga sentimental que llevabas tú para el encuentro.
Sigo a leer

Paz Zeltia dijo...

ah, concholis, no hay más jajaja, ya iba yo con tantas ganas de leer la continuación :(

Unknown dijo...

MARISIÑA,ANDA CUENTANOS MAS Y COLOCA FOTOS DE MI QUERIDO PAIS VALE?
BESOTES,MUY CONTENTA ESTOY DE TENERLOS AQUI NUEVAMENTE.