jueves, 14 de agosto de 2008

Arxentina 2




La Plata: A Cidade dos Tilos e as Diagonais

O 25 de Xullo foi o primeiro día que amencemos en Arxentina. Pola mañá, na Plata celebrábase unha ofrenda floral no cruceiro de "La república de los niños" da Comunidade galega da cidade. Erguémonos tarde e xa non puidemos asistir a este acto, pero o día que visitamos a república, aínda estaban no chan as flores.




La Plata é unha cidade fermosa, con edificios de gran beleza, fundada en 1882, foi proxectada polo arquitecto Pierre Benoit con forma de cadrado, rúas e avenidas en cuadrícula, e dúas famosas diagonais que converxen no centro xeográfico da cidade, a praza Moreno, onde está a catedral. Esta praza reproduce a pequena escala a forma da cidade, e no centro xusto, no cruce das diagonais, está soterrada a pedra fundamental.
É unha das poucas cidades do mundo proxectadas antes de construirse, pode afirmarse que é a primeira construida no mundo de acordo ás ideas republicanas, no medio do afianzamento da revolución industrial, a consagración da ciencia positiva e o nacemento da utopía dunha vida social máis harmónica e unha concepción ambientalista sustentable. Esta cidade é modelo de planificación urbana avanzada do século XIX.

Unha curiosidade: nas avenidas da luminosa Praza Moreno, hai estatuas en todas as esquinas que, invariablemente, fan o aceno de poñer os cornos en dirección ás gárgolas da catedral ;-)

A catedral, de estilo neogótico construída fóra de época, con materiais modernos, e rematada aínda en 1999, non deixa por iso de ter unha beleza incomparable, tanto no exterior coma no interior, coas súas vidreiras, a sillería do coro, arcos, cúpulas, e fermosas imaxes da Dolorosa, da Virxe de Luján ou da de Guadalupe, venerada pola nutrida comunidade de orixe peruano da provincia.





Enfronte á catedral, do outro lado da gran praza, está a Municipalidade, que conforma, con outros edificios do contorno, un conxunto espectacular de cidade opulenta e rica, que contrasta coas baldosas soltas das aceras nos arredores da catedral, os charcos de auga a carón da calzada, ou a herba sen cortar das veredas.

La Plata, coma o resto da Arxentina que vimos, ten estes contrastes entre a opulencia do pasado e a pobreza do presente.

A vida universitaria é outra característica da cidade. A máis importante Universidade da Arxentina, despois da UBA de Bos Aires, é a UNLP, e está na Plata. Moitos estudantes de todo o pais veñen estudar a ela e despois quedan a vivir nesta cidade que celebra o Aninovo cunha queima de "momos " moi semellante ás Fallas de Valencia.

O Museo de Ciencias Naturais é un dos lugares de visita obrigada cando se vai a esta cidade. Destacan as coleccións de grandes fósiles das eras terciaria e cuaternaria, a sala de osteoloxía de grandes animais, coma os dinosaurios, e as das culturas americanas desde a etapa precerámica ata o imperio inca. Alí pasamos unha boa tarde.

En Picasa deixei fotos de La Plata

8 comentarios:

Pedro Ojeda Escudero dijo...

Un viaje muy bien aprovechado, sin duda.

paideleo dijo...

Curioso todo. Gustoume o das estatuas pondo os cornos.

LM dijo...

é curioso como muitos costumes se parecem tanto havendo tantos quilómetros de distancia. beijos.

Paz Zeltia dijo...

xa estiven vendo as fotos. Imaxino que a nena que sae nas fotos e a túa, gusto de coñecela

moitas gracias pola crónica, chámame a atención a simetría da que falas, e a planificación tan adiantada...! claro acostumados ó ir improvisando de aquí...

:)

vermella dijo...

Acabo de visitar virtualmente a Arxentina gracias a túa crónica,bonita viaxe...
saúdos.

Chousa da Alcandra dijo...

Se eu fose plantense gustaríame que describises a miña cidade como o fas.
Sigo atentiño no meu pupitre para a seguinte lección.

Chuchos (Pódese chuchar á maestra na actualidade?)

Unknown dijo...

HOLAAAA!!!!

MUCHAS GRACIAS POR HACERME RECORDAR TANTAS COSAS LINDAS DE MI PAIS!!!

BIKIÑOS

Cuspedepita dijo...

Pedro: A pesar de todo siento que quedaron muchas cosas sin hacer, así que me he propuesto volver pronto ;-)

Paideleo: A min tamén me chamou moito a atención isto. No primeiro momento pensei que era unha irreverencia porque apuntan á catedral, pero o meu curmán explicoume que ían dirixidos ás gárgolas.

LM: Creo que iso é así pola intensa relación entre Arxentina e a nosa terra. Os nosos emigrantes levaban e traían, así que alí herdaron moitas das nosas tradicións e costumes, pero nós tamén, o exemplo máis evidente é a nosa afición ao churrasco :-)

Zeltia: Si, a nena é a miña e os mozos son o meu home e o meu curmán Alejandro, do que vos falei :-)
Aquí temos algún exemplo de planificación parecido ao da Plata, anque sobre unha cidade xa existente, no ensanche de Barcelona.

Vermella: Sigue mirando porque aínda vai haber máis visitas virtuais ;-) Graciñas por pasarte por aquí:-)

Chousa: Es un alumno aplicado, asía da gusto :-))
E claro que se pode, ademáis nestes días agradezoos máis que nunca :-))

Liliana: Agora entendo moito mellor a vosa morriña :-))Xa falaremos :-))